Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos, acompañados do alcalde de As Neves, José Manuel Rodríguez, demandaron hoxe ao Goberno central a urxente reparación e posterior a reforma integral da liña Vigo-Ourense afectado polo descarrilamento dun tren de mercadorías o pasado 15 de novembro.
Julio García Comesaña lembrou que o Ministerio xa tiña previsto levar adiante actuacións de modernización desta liña ferroviaria, “pero as obras que suporían a renovación integral desta vía non están previstas como mínimo ata 2028, o que supón que o servizo, tanto de viaxeiros como de mercadorías, continuará circulando por unha infraestrutura en deficientes condicións”.
“Esta novo incidente constitúe unha nova tomadura de pelo do Goberno de Pedro Sánchez a Galicia, incapaz de levar adiante as obras previstas nesta liña ferroviaria e condenando aos galegos a sufrir un servizo deficiente e vulnerable, que está supoñendo un prexuízo real para a mobilidade, a economía e a normalidade de centos de persoas e empresas”, manifestou Manuel Santos.
Deste xeito, García Comesaña e Manuel Costa anunciaron a presentación de iniciativas conxuntas no Parlamento de Galicia, o Congreso e o Senado esixindo ao Goberno central responsabilidades, transparencia e un plan real de actuacións urxentes na liña Vigo-Ourense.
“Galicia non pode seguir sufrindo o desprezo do Goberno de Sánchez e unhas infraestruturas ferroviarias máis propias dun país terceiromundista que dunha sociedade avanzada como é a galega, polo que urxe que se actúe na liña Vigo-Ourense para evitar novos incidentes e garantir un óptimo servizo aos usuarios”, manifestou Julio García Comesaña.