A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, situou hoxe ao PP de Curtis e ao seu alcalde, Javier Caínzos, como referentes da importancia de acadar maiorías cando se pide a confianza da xente e de que, deste xeito, goberne unha formación constitucionalista como é o Partido Popular.
Así o manifestou na comida de Nadal organizada pola formación local, no restaurante Exprés de Curtis, un concello no que o PP ten a confianza de 3 de cada 4 dos seus veciños e veciñas e que é onde os populares contaron con máis apoio en toda a provincia da Coruña nas últimas eleccións municipais.
Prado congratulouse de celebrar xunto a eles un día “tan importante” como o da Constitución, “a base da liberdade, a igualdade e a democracia”. “É un día para lembrar o que nos une como galegos e como españois, e para seguir construíndo xuntos un futuro máis xusto. Galicia seguirá defendendo unha España plural e con dereitos para todos”, sinalou.
Así mesmo, apuntou que o PPdeG é hoxe “o único partido constitucionalista de Galicia” fronte a un PSOE que “vulnera a diario” a Carta Magna ao “non presentar orzamentos, non respectar a separación de poderes, atacar o principio de igualdade e ao aliarse cos maiores inimigos da Constitución”. Entre eses inimigos, citou ao BNG, que “quere rachar con ela”, utilizando “a división e a independencia de Galicia”.
Pola súa banda, Javier Caínzos agradeceu a presenza da secretaria xeral xunto a un equipo “duro, traballador e currante” como é o PP de Curtis.