O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra dos deputados do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España que reforce e intensifique, de maneira urxente, con medios humanos e materias suficientes, os postos da Garda Civil nas comarcas da Limia e da Baixa Limia, a fin de que garanta a súa operatividade as 24 horas do día ante a alarma social que provoca a repunta delituosa.
A deputada popular Cristina Campero lamentou que “a situación da seguridade na provincia de Ourense e, en particular, na Limia e a Baixa Limia, vén deteriorándose de maneira preocupante”, unha situación derivada dos “recortes da Garda Civil realizados nos últimos anos: menos presenza no territorio de axentes, menos capacidade de prevención e tempos de resposta moi dilatados”.
163 AXENTES MENOS NA PROVINCIA DE OURENSE
En concreto, explicou que na provincia de Ourense hai 910 prazas da Garda Civil, das que só están cubertas 817 e outras 70 so baixas médicas sen cubrir, o que fai un total de 163 axentes menos na provincia ourensá.
“Ao mesmo tempo que o Goberno central desmantela cuarteis no rural galego, a criminalidade disparouse un 28,3 por cento desde o ano 2018”, criticou a deputada popular, quen manifestou que “pasamos dun rural galego de portas abertas a un rural de alarmas, froito dun medo que se agrava polos continuos roubos e a menor presenza da Garda Civil, que deixa vía libre aos ladróns e delincuentes”.