O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, animou hoxe ao PP de Santiago a seguir demostrando que é única alternativa gañadora fronte ao caos e a ineficiencia do actual goberno da capital de Galicia a través dun traballo que combine a crítica coas propostas.
Na súa intervención na cea de Nadal do partido local celebrada hoxe e na que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo; quixo poñer en valor o bo traballo que están a facer Borja Verea e o seu equipo. Un traballo que, tal e como asegurou, terá os seus resultados nas próximas eleccións municipais de 2027.
O líder dos populares galegos fixo un chamamento aos seus para que o Partido Popular siga sendo un exemplo de rigor e honestidade nun contexto como o de Santiago pero tamén nun contexto nacional “inaudito na historia da democracia”.
Referiuse así a todas as penas de prisión que acumula o núcleo máis próximo a Pedro Sánchez, á condena do Fiscal Xeral do Estado e a todos os casos de acoso sexual que, segundo defendeu, invalida ao PSOE a dar leccións de igualdade e moito menos de bo goberno.
Fronte a isto, os composteláns e o resto dos galegos, por sorte, poden contar cun goberno dedicado a falar con feitos e que cumpre aprobando os seus Orzamentos en tempo e forma. Unhas contas que, no caso da capital galega, inclúen investimentos como o centro de protonterapia e o de terapias CAR-T, a futura fábrica de IA ou a ampliación do CHUS e do seu aparcadoiro.
“Temos moito que facer valer e por iso debemos demostrar cada día que somos a alternativa, que sabemos facer as cousas ben e que somos un equipo unido e con ganas”, concluíu animando ao partido a seguir estando á altura.
UNHA MAIORÍA PARA CUMPRIR UNHA RESPONSABILIDADE HISTÓRICA
Pola súa banda, o presidente local do partido, Borja Verea, quixo facer unha apelación á “responsabilidade histórica” que sinte ante unha cidade que “non pode permitirse máis fallos”. Nese sentido, insistiu nas súas “ganas” de ser alcalde de Santiago para cumprir con esa responsabilidade e que Santiago “recupere o seu prestixio, a súa posición no mundo e a súa forza”.
“Mentres eles queren unha cidade pequena, acomplexada, escura, triste e sectaria, nós seguiremos aspirando a unha cidade grande, universal, sen complexos, aberta ao mundo e cosmopolita”. Unha cidade, insistiu, na que “todos os santiagueses teñan cabida por riba de ideoloxías e soberbias absurdas”.
Con este obxectivo, insistiu na necesidade de “seguir traballando con ganas, non confiarse e non equivocarse” para acadar nas próximas eleccións municipais a “maioría histórica” que require esa “responsabilidade histórica” á que apela.