As deputadas do Grupo Popular Encarna Amigo e Katy Varela salientaron hoxe que a Xunta incrementará o vindeiro ano ata os 10 millóns de euros o orzamento destinado ao Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, a través do que se continuará impulsando a promoción, a diferenciación e o prestixio dos produtos galegos.
Nun encontro coa responsable da queixería da Gandería Quintián na localidade do Páramo en Lugo, as deputadas popular amosaron o recoñecemento e agradecemento a todas as produtoras e produtores de queixo e mel de Galicia, porque “demostran día tras día que no rural hai futuro, hai vida e hai proxectos que funcionan”.
COMPROMISO COA TERRA
“Estes produtores representan o compromiso coa terra, profesionais que creen no que fan e produtos elaborados cunha calidade extraordinaria”, sinalou Encarna Amigo, quen anotou que “a súa experiencia confirma que no rural galego se pode vivir, se pode crear emprego, se pode innovar e se pode prosperar”.
As deputadas populares compartiron cos propietarios da Gandería Quintián “a realidade diaria destas explotacións familiares, do esforzo que hai detrás de cada queiro e da importancia de manter vivas as denominacións de orixe que nos distinguen”.
Neste sentido, Katy Varela salientou “o impacto directo que teñen estas producións na fixación da poboación, na dinamización das comarcas e na creación de oportunidades para as novas xeracións”.