A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, felicitou hoxe ao PP de Padrón polo bo traballo realizado ao longo deste ano 2025 para “levar a iniciativa na política municipal e consolidarse como unha alternativa fiable con moitas opcións de recuperar o goberno en 2027”.
“Cónstame que estades a revitalizar o partido e a traballar no bo camiño para poder levar unha gran alegría dentro de ano e medio nas eleccións municipais. Non teño ningunha dúbida de que se seguides como ata agora, escoitando á veciñanza, fiscalizando a nefasta xestión do goberno local e propoñendo ideas para mellorar Padrón, o PP vai recuperar o liderado neste concello e imos volver gobernar”, asegurou Prado, acompañada do líder local, o tamén deputado autonómico Ángel Rodríguez Conde, durante o pincho de Nadal dos populares de Padrón, que reuniu a máis de 150 persoas entre afiliados, colaboradores e simpatizantes.
A número dous do PPdeG, “encantada” de volver a este municipio, lamentou que o alcalde socialista e o seu goberno “anden máis preocupados das luces do Nadal e da pista de xeo que de explicar, por exemplo, por que neste ano que remata perderon máis de 700.000 euros de axudas concedidas pola Xunta de Galicia para o arranxo da escola infantil e da praza de abastos”.
Pola súa banda, Ángel Rodríguez Conde agradeceu a presenza de todos os asistentes e resaltou que o ano 2025 “marcou un punto de inflexión na dinámica do PP de Padrón, que está moito máis vivo e forte do que algúns pensan”. O voceiro municipal comprometeuse a seguir traballando arreo para “desenmascarar a un alcalde que vive do pasado e que se preocupa máis das redes sociais que dos problemas dos veciños”.