Os deputados do Grupo Popular Cristina Sanz e José Manuel Mato salientaron hoxe o impulso que recibirá o polígono industrial de As Gándaras en Lugo coas obras de mellora das redes de comunicación e a súa conexión exterior que realizará a Xunta, para as que destinará o vindeiro ano 5,6 millóns de euros.
Cristina Sanz e José Manuel Mato subliñaron que, “a pesar de que falamos dun polígono industrial novo, estamos a falar dun espazo totalmente consolidado no que xa están asentadas máis de 130 empresas”.
NOVA AMPLIACIÓN
Ademais destas obras de comunicación e mellora dos accesos, a Xunta xa está a traballar nunha nova ampliación do polígono industrial de As Gándaras. En concreto, está previsto a urbanización de dúas novas fases que superan os 350.000 metros cadrados, coas que a capacidade deste parque achegaríase aos 1,6 millóns de metros cadrados.
“O compromiso do Goberno galego coa industria e o desenvolvemento económico de Lugo e de toda a provincia é total, e a mellor mostra disto témolo neste polígono de As Gándaras, no que a Xunta xa leva investidos máis de 60 millóns de euros tanto na dotación de solo industrial como nos accesos ou na mellora da seguridade”, indicaron os deputados populares.