Os deputados do Grupo Popular Enrique Barreiro, Nicole Grueira e Raquel Arias visitaron hoxe a explotación gandeira de Lácteos Conchy en Friol, “unha mostra do impulso que a Xunta está a dar á remuda xeracional no sector agrogandeiro galego, destinando este ano 36 millóns de euros en axudas para facilitar a incorporación de mozos ao agro”.
“Se ben é importante a formación para contar con profesionais preparados e con explotacións rendibles, modernas e competitivas, tamén é fundamental contar co apoio das administracións para que os proxectos que os mozos impulsen se convertan nunha realidade e se asenten no futuro”, manifestou Enrique Barreiro.
ATA 320.000 EUROS POR PROXECTO
Deste xeito, Nicole Grueira subliñou o apoio que os mozos e mozas galegas reciben na actualidade da Xunta para facilitar a súa incorporación ao rural galego. En concreto, a convocatoria de axudas correspondente ao ano 2025 estivo dotada de 36 millóns de euros, con achegas concretas de ata 320.000 euros por proxecto. “Desde o ano 2009 se teñen incorporado ás actividades agrogandeiras do rural galego máis de 5.000 mozos, que na actualidade tamén contan cun programa de titorización do que xa se levan beneficiado máis de medio milleiro de persoas”, indicou.
Pola súa banda, Raquel Arias centrouse nas axudas coas que contan os mozos galegos para facilitar a súa sucesión nas explotacións gandeiras, unha achega ligada ao Banco de Explotacións que contará cun importe de 2,1 millóns de euros ata 2029. Neste sentido, destacou o traballo que está a desenvolver o Banco de Explotacións, conectando a persoas que pretendan cesar na súa actividade con aquelas interesadas no seu arrendamento, permuta e adquisición co obxectivo de garantir a continuidade da actividade agrogandeira.