O deputado do Grupo Popular Jesús María Fernández Rosende salientou hoxe que o de Lorbé será un dos dez pantaláns flotantes de portos galegos nos que a Xunta procederá este ano á renovación do seu pavimento.
Acompañado de varios concelleiros de Oleiros, Fernández Rosende explicou que a dura climatoloxía que sofren estas instalacións deriva nun deterioro dos materiais cos que están construídos, principalmente madeira. “Tanto os pantaláns como os fingers soportan condicións climatolóxicas moi duras, o que leva ao seu deterioro co paso do tempo que pode supoñer un risco para transitar por eles”, apuntou.
Diante desta situación, a Xunta procederá ao longo deste ano 2026 á reposición dos pavimentos de sete pantaláns flotantes nos portos de Lorbé, Muxía, Muros, A Barquiña-Outes, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril, Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona. Esta actuación, que suporá un investimento próximo aos 640.000 euros, permitirá a substitución do actual pavimento por un material máis duradeiro tipo Ecotek.