As deputadas do Grupo Popular Katy Varela e Encarna Amigo amosaron hoxe o firme compromiso da Xunta coa Fundación Rof Codina, que se manifesta nos 440.000 euros que destinará este ano para o funcionamento desta entidade, situándose como a administración que máis aporta ao seu orzamento.
Katy Varela e Encarna Amigo lembraron a tripla función que desenvolve a Fundación Rof Codina: a docencia, a investigación e a atención clínica. Ademais de proporcionar apoio continuo á docencia que se imparte na Facultade de Veterinaria de Lugo, esta entidade xestiona dous centros de importancia: o Hospital Veterinario Universitario e o Centro de Biomedicina e Medicina Veterinaria.
Neste sentido, as deputadas populares destacaron “o enorme prestixio da Facultade de Veterinaria de Lugo, que, desde a súa apertura no ano 1984, supuxo un impulso definitivo para o campus desta cidade, así como para a construción das súas actuais instalacións anexas, chegando a situarse como unha das mellores do mundo”.