A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamenta a consumación do “pacto guarro” entre PSOE, BNG e o presunto acosador sexual, José Tomé, cuxo voto foi hoxe necesario para que a socialista Carmela López fose elixida como nova presidenta da Deputación de Lugo, semanas despois da dimisión forzada do seu ex compañeiro de filas, por varias acusacións de acoso sexual de mulleres vinculadas ao socialismo. “Hoxe só podo dar o pésame á veciñanza de Lugo porque este tripartito PSOE, BNG e Tomé acaba de enterrar a defensa dos intereses dos cidadáns”, sinala a número dous dos populares galegos.
Prado pregúntalle a socialistas e independentistas “con que cara van defender a partir de hoxe ás mulleres” tras formar goberno co voto dun presunto acosador sexual. Do mesmo xeito, apela a Ana Pontón e a Xosé Ramón Gómez Besteiro como “cómplices” deste pacto. “Que manual de feminismo recomenda formar goberno cun presunto acosador sexual?”, pregúntase.
Á nova presidenta da Deputación de Lugo recórdalle que foi elixida grazas ao apoio deste deputado sobre o que pesan denuncias de mulleres e cualifica de “desvergoña” que Carmela López falase de igualdade durante o seu discurso de investidura. “Ten que saber que ela tamén é cómplice deste pacto guarro”, reitera Paula Prado.
Ademais, o PPdeG amosa de novo a súa solidaridade coas vítimas e asegura que os populares si estarán pendentes de calquera atropelo ás mulleres e ao conxunto da veciñanza de Lugo, como o ocorrido hoxe coa sinatura do pacto. “Todo polo poder, todo polos cartos”, puntualiza Paula Prado.