Os deputados do Grupo Popular Roberto Rodríguez e Paula Mouzo afirmaron hoxe que en materia de vivenda “o Partido Popular constrúe e suma, mentres PSOE e BNG bloquean e encarecen”. Referíndose en concreto á cidade de A Coruña, criticaron que a declaración de zona tensionada traduciuse na redución do 70 por cento das vivendas de alugueiro, ao tempo que na mesma semana que o Goberno galego anuncia 264 novas vivendas de promoción pública, o goberno local de socialistas e nacionalistas suspenderon as licenzas para construír 160 novas vivendas de protección pública en As Percebeiras.
Roberto Rodríguez e Paula Mouzo lembraron a presentación esta semana polo Partido Popular do Plan Urxente de Vivenda a nivel nacional baseado en tres eixos: máis oferta, máis seguridade xurídica e menos trámites e impostos. “Este compendio de medidas estatais acompañará ás políticas que xa vén desenvolvendo a Xunta de Galicia nos últimos anos para cumprir o compromiso de duplicar de 4.000 a 8.000o parque público de vivendas ao longo da presente lexislatura.
“No caso concreto da cidade de A Coruña, o Goberno galego anunciou esta mesma semana 264 novas vivendas de promoción pública, que elevan a 476 o número total que está a desenvolver nesta cidade”, subliñou Roberto Rodríguez.
PROPIETARIOS MÁIS DESPROTEXIDOS
Fronte a estas medidas impulsadas polo Partido Popular, o PSOE, co apoio do BNG, aprobou unha lei estatal que está a agravar o problema de acceso á vivenda. Paula Mouzo lamentou que “o prezo da vivenda aumentou co Goberno de Pedro Sánchez nun 50 por cento e os propietarios están cada día máis desprotexidos, chegando ao colmo de que unha ex ministra ven de chamar sanguijuelas aos propietarios, aínda que en máis dun 90 por cento sexan particulares de clase media cunha única vivenda en alugueiro”.
Por outra banda, e respecto á declaración de zona tensionada no concello de A Coruña, Roberto Rodríguez manifestou que esta situación derivou en que, en apenas seis meses, a oferta de novas vivendas en alugueiro reduciuse nun 70 por cento. “Ademais, o desacerto nas medidas impulsadas polo Goberno local desta cidade supuxo que esta mesma semana PSOE e BNG aprobaran suspender as licenzas de edificación de As Percebeiras, onde se prevía a construción de 160 novas vivendas de protección pública”.
“Todo isto nos leva a afirmar que, en materia de vivenda, o Partido Popular constrúe e suma, mentres PSOE e BNG bloquean e encarecen”, indicou a deputada Paula Mouzo, que considerou que “a vivenda non debería ser un luxo e por iso son necesarias medidas e investimentos que dean resposta as necesidades reais da xente, que é o que o PP está a facer en Galicia e PSOE e BNG a impedir en A Coruña”.