Os alcaldes e alcaldesas do Partido Popular de Galicia poñen en valor o acordo acadado esta mañá entre a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Xunta de Galicia para incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo esencial para milleiros de familias galegas.
O voceiro dos populares e vicepresidente da Fegamp, Ángel Moldes, destacou que “este é un acordo que dá resposta a un dos grandes problemas que tiñan os concellos, xa que se trataba dun servizo que estaba comprometendo de xeito directo as contas municipais”.
Neste sentido, o tamén alcalde de Poio subliñou a importancia dun entendemento que permite aumentar de xeito importante o financiamento que reciben os municipais para, deste xeito, garantir a continuidade e a calidade do SAF sen poñer en risco a estabilidade financeira das administracións locais.
Moldes quixo tamén agradecer “o diálogo, o entendemento e a disposición da conselleira de Política Social, Fabiola García, para chegar a un acordo que é bo para todos: para os concellos, para a Xunta e, sobre todo, para a cidadanía que precisa deste servizo”.
Así mesmo, desde o PPdeG salientaron que este acordo exemplifica o papel que debe xogar a Fegamp: “Ser un instrumento útil en beneficio da cidadanía e do municipalismo, e non un instrumento para a confrontación”. Unha institución, engadiron, “pensada para chegar a acordos e avanzar, non para bloquealos”.