O deputado do Grupo Popular Roberto Rodríguez asegurou hoxe no Parlamento galego que Galicia é unha das comunidades autónomas onde se paga máis e por máis conceptos aos profesionais que prestan asistencia xurídica gratuíta en favor das persoas sen recursos suficientes. En concreto, cifrou en máis de 18,5 millóns de euros a partida económica que a Xunta destinará este ano a este servizo, un 20 por cento máis que no 2025.
Roberto Rodríguez manifestou que “Galicia sitúase nos primeiros postos a nivel estatal na compensación aos profesionais da asistencia xurídica gratuíta, polo maior número de conceptos aplicados e pola axilización na tramitación nas indemnizacións correspondentes”.
Así, asegurou que “en Galicia págase moi por enriba daquelas comunidades que son competencia do Goberno central, como Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, Murcia, Baleares, Ceuta e Melilla, e tamén doutras comunidades con estas competencias transferidas, caso de Asturias ou A Rioxa”.
NOVOS CONCEPTOS
O portavoz popular lembrou que o Goberno galego reservou en 2025 máis de 15 millóns de euros para a prestación da asistencia xurídica gratuíta, o que supuxo un incremento do 8,6 por cento con respecto a 2024. “Ademais, incluíronse novos conceptos tras a actualización dos baremos como resultado das negociacións mantidas con este colectivo profesional”, apuntou.
“Este ano, o Goberno galego volveu incrementar os cartos asignados a garantir a asistencia xurídica gratuíta cerca dun 20 por cento, un aumento que resulta imprescindible para dar soporte á exponencial suba de solicitudes do servizo derivada da aplicación da nova Lei de eficiencia do servizo público da xustiza, co obxectivo de asegurar a prestación con todas as garantías, tanto desde o punto de vista da cidadanía como das persoas profesionais da quenda de oficio”, explicou.
Porén, Roberto Rodríguez expresou o desexo de que “o Goberno de Pedro Sánchez, apoiado cegamente polo BNG, atope un oco na súa apretada axenda xudicial que lle espera no 2026 para tramitar a prometida nova Lei estatal de asistencia xurídica gratuíta, esencial para a prestación dun servizo esencial adaptado ás necesidades do século XXI”.