Os deputados do Grupo Popular Cristina Campero e José Luís Ferro enxalzaron hoxe o traballo desenvolvido polo historiador, investigador e estudoso Justo Gude Méndez na difusión e posta en valor do entroido galego, unha das manifestacións culturais máis singulares e identitarias de Galicia, recoñecida como ben de interese cultural polo seu valor como patrimonio inmaterial.
Durante o encontro, Cristina Campero e José Luís Ferro tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o intenso traballo de investigación e documentación desenvolvido por Justo Gude, e todas as persoas que traballan conxuntamente con el no estudo de elementos significativos do entroido como as pantallas. “Non son só traxes nin rituais, son emocións herdadas, orgullo compartido e sentimento de pertenza”, dixo a deputada popular.
Os deputados populares intercambiaron impresións sobre os retos actuais do entroido galego, a súa evolución no tempo e a necesidade de seguir promovendo iniciativas que garantan a súa preservación e posta en valor, tanto no ámbito cultural como turístico.
EXPRESIÓN VIVA DA SOCIEDADE
“Desde as institucións, temos a obriga de protexer, apoiar e difundir o noso patrimonio cultural inmaterial”, sinalou José Luís Ferro, quen anotou que o entroido galego “é unha expresión viva da nosa identidade colectiva e o traballo de investigadores como Justo Gude resulta imprescindible para garantir que esta tradición se conserve con rigor e proxección de futuro”.
Pola súa banda, Cristina Campero subliñou que o entroido “é unha expresión popular que une xeracións, territorios e memoria, polo que coñecer a súa historia e o seu significado profundo axúdanos a valoralo e a respectalo como unha parte esencial da cultura galega”.