Os deputados do Grupo Popular Miguel Fidalgo e Felisa Rodríguez destacaron hoxe en Fitur 2026 a crecente importancia que o Camiño Portugués está a ter na chegada de turistas a Vigo e toda a súa comarca, e avogaron porque as administracións dean un paso máis na súa promoción.
En concreto, demandaron ao Concello de Vigo que “abandone dunha vez o seu sectarismo e acceda a sinalizar o traxecto do Camiño Portugués pola costa, de xeito que facilite o tránsito dos peregrinos polo municipio”.
Felisa Rodríguez puxo en valor que o incremento de peregrinos rexistrado nos últimos anos no Camiño portugués pola costa “levouno a situarse como o itinerario xacobeo que máis medrou, superando o pasado ano os 89.500 peregrinos logo dun incremento de case un 20 por cento no 2025”.
Así mesmo, subliñou que o 80 por cento destes peregrinos que percorren o Camiño portugués pola costa son estranxeiros, especialmente alemáns, norteamericanos e italianos. “Esta internacionalización debe ser unha das bazas que debemos xogar para conseguir aumentar o número de peregrinos, co conseguinte aumento dos ingresos para os nosos sectores comerciais e hostaleiros”, indicou.
MANCHA NO ESPLENDOR
Pola súa banda, Miguel Fidalgo lamentou que este impulso que está a rexistrar o Camiño Portugués pola costa “non se vexa correspondido pola atención que merece desde o Concello de Vigo, que leva moitos anos negándose a sinalizar o traxecto ao seu paso polo municipio vigués, a pesar de que unha gran parte das pernoctacións na cidade son debidas aos peregrinos que fan o Camiño, algo que o alcalde segue negando aínda que é imposible non velo”.
“Vigo non pode quedar como unha mancha no esplendor que está a vivir o Camiño Portugués pola costa, para o que é imprescindible que os peregrinos que chegan á cidade por esta ruta conten coas mesmas comodidades e servizos que se lles presta nos demais concellos, e o primeiro paso é que conten cunha sinalización correcta e completa á que neste momento no Concello se nega rotundamente”, lamentou o deputado popular.