O Partido Popular de Galicia comprometeu hoxe o seu apoio ao empresariado vigués, fronte a un alcalde “máis preocupado do seu show” e un presidente do Goberno central “máis ocupado da corrupción” que das inquedanzas do tecido empresarial. Fronte a isto, os populares reivindican “alternativas serias”, como é Luisa Sánchez para a alcaldía de Vigo e Alberto Núñez Feijóo para “sacar a España do burato no que o meteu este desastroso Goberno”.
Nun encontro con empresarios de Vigo e do resto da provincia de Pontevedra, a secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, e a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, estiveron acompañadas polo vicesecretario de Economía e Desenvolvemento Sostible do PP, Alberto Nadal, así como pola deputada e coordinadora de Economía do Partido Popular, Irene Garrido, e deputados autonómicos e nacionais. Exerceu como anfitrión o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, José García Costas.
“O PP ten alternativa. Preocupámonos da xente, de coñecer de primeira man ao empresariado e trasladarlle as nosas iniciativas”, sinalou Prado, que sacou músculo das políticas do PPdeG, con Alfonso Rueda á fronte, para ofrecer ferramentas ao empresariado e que “poidan medrar, ter futuro, que haxa máis industria e máis emprego de calidade en Galicia”.
Na mesma liña, a número dous dos populares galegos puxo en valor a Luisa Sánchez como alternativa popular que “ten perfectamente diagnosticados” os problemas do empresariado vigués.
LUISA SÁNCHEZ AVOGA POR RECUPERAR A “ESENCIA INDUSTRIAL”
Por outra banda, Luisa Sánchez avogou por que Vigo recupere a súa esencia industrial e que o sector económico “regrese ao centro da política municipal”.
“Desde o PP queremos estar ao lado de todos, dos sectores máis emerxentes, os tradicionais e toda aquela actividade económica que poida xerar un gran valor engadido”, precisou.
Insistiu en que son necesarias “unhas infraestruturas potentes que axuden ás nosas empresas na conectividade e na competitividade”, así como “desenvolver solo industrial e non só para atraer novos proxectos”.
“Tamén é competencia municipal a fiscalidade”, sinalou a presidenta do PP de Vigo, que lembrou que nos últimos tres anos se produciu una suba de 12 puntos no IAE, ademais de que os vigueses tiveron que afrontar o “taxazo do lixo” e “pagar a auga máis cara de Galicia”.
ÁBALOS, NO LIBRO DE HONRA DO CONCELLO DE VIGO
Ademais, a secretaria xeral do PPdeG referiuse á recente dimisión de José Luis Ábalos como deputado no Congreso, destacando que “empezou a lexislatura como deputado e rematou no cárcere”.
Prado tamén se pregunta “a cambio de que e de canto renunciou á súa acta” o exministro, argumentando que Sánchez “non fai as cousas a cambio de nada”. Lembra que o presidente do Executivo central “non se preocupa dos problemas reais da xente: as súas iniciativas son para estar un día máis na Moncloa”.
Ademais, desde o PPdeG lembran que Ábalos “grazas a Abel Caballero, puxo a súa sinatura no libro de honra do Concello de Vigo”. “Igual que lle puxeron —e manteñen— unha Medalla de Ouro a Isabel Pardo de Vera, que agora coñecemos que tivo moito que ver coa obra do tramo do accidente ferroviario de Andalucía”, engaden os populares.
Neste sentido, subliñaron que o Ministerio que dirixía Ábalos “tiña cartos para ‘señoritas’ e comisións, pero non para obras e seguridade”. En resumo, lamentaron que nos últimos anos o PSOE de Vigo lle puxera “alfombra vermella á corrupción sanchista e ao seu machismo”.