O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG nin de PSdeG, a través da que se demanda o apoio ás prazas de abastos, poñendo en valor a calidade dos seus produtos e fomentando a súa certificación como Mercados Excelentes mediante a rehabilitación dos seus edificios ou a dinamización das súas instalacións.
A portavoz popular de Comercio, Felisa Rodríguez, afirmou que as prazas de abastos “constitúen un elemento esencial da identidade comercial e social de Galicia”. Así, manifestou que estes espazos, presentes na maioría das vilas e cidades, “son moito máis ca simples lugares de compra: representan a tradición do comercio de proximidade, a posta en valor dos produtos locais e o contacto directo entre produtores e consumidores”.
MOTORES DE DINAMIZACIÓN
“As prazas de abastos convertéronse en motores de dinamización económica e social dos centros urbanos, contribuíndo á cohesión das comunidades e á conservación dos cascos históricos”, indicou a portavoz popular, quen apuntou que na actualidade “afrontan un proceso de modernización que busca combinar o respecto pola súa esencia tradicional coa incorporación de novas fórmulas de xestión, dixitalización e promoción turística”.
Para apoiar este proceso, a Xunta de Galicia promove un conxunto de políticas específicas de apoio ás prazas de abastos, destacándose no 2025 a convocatoria de axudas dotadas con máis de 3,2 millóns de euros para a rehabilitación e dinamización destes espazos en máis de 30 municipios.
Así mesmo, Felisa Rodríguez explicou que “tamén se impulsa a certificación de prazas de abastos como Mercados Excelentes para 2030, como parte dunha estratexia máis ampla de comercio local e proximidade, incluída no Plan Estratéxico de Comercio de Galicia”. “Estas políticas non só favorecen a rehabilitación física e funcional das prazas, senón que buscan tamén reforzar o seu rol como espazos de encontro comunitario, de consumo de proximidade, de fixación de poboación no rural e de valorización dos produtos galegos”, dixo.