O deputado do Grupo Popular Moisés Rodríguez asegurou hoxe no Parlamento galego que a Xunta está definindo os novos contratos de explotación do servizo de autobús interurbano no sur da provincia de Pontevedra para dar mellor resposta á mobilidade actual. “O Goberno galego é consciente de que existe unha necesidade de mellora en determinadas conexións neste área, principalmente pola evolución da demanda de transporte público, que rexistrou un crecemento moi importante nos últimos anos”, sinalou.
Moisés Rodríguez destacou que “o incremento dun 37 por cento do número de viaxeiros nos últimos tres anos derivou en novas necesidades que requiren introducir cambios na prestación do servizo de transporte público por estrada”. Diante desta situación, a Xunta acordou co operador resolver os cinco contratos de transporte que tiña nesta zona co obxectivo de que “a renovación conxunta destes contratos permita levar adiante unha reestruturación integral do transporte público na zona cunha oferta máis coherente, eficiente e integrada”.
“A Xunta ten moi en conta todas as demandas e propostas de mellora realizadas tanto polos usuarios como polos concellos á hora de definir os novos proxectos de explotación, co obxectivo de configurar unha oferta de servizos adaptada ás necesidades reais da poboación”, indicou. En concreto, o deputado popular avanzou que, xunto coa revisión xeral dos servizos que atenden á comarca do Baixo Miño, tamén se está a avaliar a mellora da oferta de servizos ao campus da Universidade de Vigo e aos hospitais.
Na actualidade, a comarca do Baixo Miño conta con 63 liñas de transporte de viaxeiros por estrada, que atenden 1.043 paradas funcionais e prestan máis de 35.000 servizos ao ano. Durante o pasado ano, máis de 530.000 usuarios utilizaron estas liñas de transporte, o que representa un incremento do 3 por cento respecto ao 2024.