Os deputados do Grupo Popular Rubén Lorenzo e Carmen Pomar salientaron hoxe o importante aforro que suporá para todos os concellos o novo acordo aprobado pola Federación Galega de Municipios e Provincias para o financiamento do servizo de axuda no fogar, a través do que a Xunta incrementará un 50 por cento a súa aportación ao longo da presente lexislatura. En concreto, no caso do Concello de Carballo o aforro ata 2028 mantendo o servizo actual achegarase a 1,3 millóns de euros.
Rubén Lorenzo explicou que a través deste acordo a Xunta aumentará de forma gradual a súa aportación para a prestación do servizo de axuda no fogar, unha competencia municipal segundo se recolle na Lei de servizos sociais de Galicia, aprobada polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG no ano 2008. En concreto, a Xunta comprométese a incrementar de 12 a 16 euros por cada hora prestada este mesmo ano, subir un euro máis por hora para o 2027 e chegar aos 18 euros no 2028.
No caso concreto do concello de Carballo, Lorenzo lembrou que, tomando como referencia o convenio asinado coa empresa que presta este servizo, que ten como finalidade a realización de arredor de 85.000 horas cada ano, o aforro para as arcas locais achegarase a 1,3 millóns de euros ao remate da presente lexislatura en 2028.
A CARÓN DOS CONCELLOS
Pola súa banda, Carmen Pomar asegurou que este incremento da aportación realizada pola Xunta “demostra que o Goberno galego está ao carón dos concellos galegos, sobre todo dos máis pequenos, que verán aliviadas as súas contas municipais para a prestación deste servizo tan importante”. Neste sentido, destacou que este aumento “facilitará que máis persoas dependentes poidan seguir vivindo con dignidade no seu propio fogar e co apoio que precisan”.
Porén, afirmou que “este servizo podería estar aínda mellor financiado se o Goberno de Pedro Sánchez puxera enriba da mesa o 50 por cento que lle corresponde pola Lei da dependencia, pero para desgraza dos galegos, en vez de achegarse a esa metade, cada ano reduce a súa aportación, que pasou nos últimos anos do 40 ao 34 por cento”. “Esta situación derivou en que neste momento a débeda que o Estado ten con Galicia pola prestación da dependencia se incremente día tras día, achegándose na actualidade aos 3.000 millóns de euros”, dixo.