O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se reclama ao Goberno de España que adopte as actuacións necesarias para fortalecer o diálogo social como ferramenta chave para a elaboración de políticas de emprego e benestar, implicando activamente a empresarios e sindicatos e, ao igual que o novo decreto no que está a traballar o Goberno galego, adoptar os acordos por consenso e non por imposición, tal e como ven facendo o Goberno central nos últimos tempos.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, afirmou que “so un diálogo forte, estruturado e permanente contribúe ao progreso económico, á cohesión social e á estabilidade nas relacións laborais en Galicia”, polo que asegurou que esta iniciativa “nace a favor dun modelo que Galicia está construíndo e consolidando”.
FALAR, NEGOCIAR E ACORDAR
“En Galicia levamos anos practicando o diálogo social cunha constante: a vontade de falar, de negociar e de acordar cos axentes sociais”, sinalou Noelia Pérez. En concreto, referiuse ao anteproxecto de decreto de institucionalización do diálogo social, que se atopa nestes momentos en tramitación, “co que o Goberno galego pretende darlle estabilidade, estrutura e seguridade xurídica a un proceso que xa existe e que xa funciona”.
Noelia Pérez apuntou que este futuro decreto “nace da man dos axentes sociais para ordenar o que xa se estaba a facer, e a consolidar o que está a dar resultados, evitando que o diálogo social dependa da vontade política do momento”.
“Con este decreto, daremos un paso máis e regularase unha Mesa de Diálogo Social con composición definida, con órganos internos claros, con funcións concretas e cun funcionamento regular, na que Administración, organizacións sindicais e empresarios participen en condicións de equilibrio”, explicou a portavoz popular.
Deste xeito, anotou que “o consenso será un obxectivo explícito, porque os acordos non se presentan pechados para ser ratificados, nin rematan coa súa sinatura, porque se avaliarán, se farán públicos, se medirá a súa eficacia e se asumirá colectivamente o seu cumprimento”.