Os deputados do Grupo Popular Nazareth Cendán e Jesús María Fernández Rosende salientaron hoxe que Galicia é a única comunidade autónoma española que conta cun servizo propio de gardacostas dependente da Consellería do Mar, que ao longo do pasado ano atendeu un total de 140 emerxencias marítimas, das que 90 foron actuacións de busca e salvamento marítimo e 50 de loita contra a contaminación mariña.
O Servizo de Gardacostas de Galicia foi creado por Lei no ano 2004 e é o organismo encargado de velar pola garda costeira, vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas, para o que conta cunha plantilla integrada por 62 persoas na provincia de A Coruña, ademais de medios aéreos, terrestres e tres embarcacións.
FUNCIÓNS PREVENTIVA E PALIATIVA
Nazareth Cendán explicou que o Servizo de Gardacostas de Galicia desenvolve dous tipos de funcións: unha preventiva, realizando medidas de preservación do medio mariño e os seus recursos, evitando a agresión aos mesmos; e outra paliativa, dirixida ao salvamento e loita contra a contaminación mariña, auxiliando e protexendo ás persoas, os bens e o medio mariño, e asegurando a súa conservación.
Ademais, Fernández Rosende subliñou que este servizo opera as 24 horas dos 365 días do ano, co obxectivo de vixiar, buscar, rescatar e protexer ás persoas no medio mariño, aportando un nivel extra de seguridade para navegantes, pescadores e bañistas.
En concreto, das 90 emerxencias que atendeu o pasado ano, 51 foron realizadas con medios aéreos para o rescate de persoas ou en buscas e evacuacións médicas de carácter urxente, tanto de persoas a bordo de buques como na costa; e as outras 39 actuacións leváronse a cabo con medios marítimos a través de buques multipropósito de salvamento e barcos patrulleiros de vixilancia e inspeccións pesqueiras.