O Partido Popular de Galicia celebra o aval do Parlamento Europeo, impulsado polos populares baixo o liderado de Alberto Núñez Feijóo, ás salvagardas que permitirán unha protección real e efectiva para os agricultores ante unha posible aplicación provisional do acordo comercial UE-Mercosur. Ao mesmo tempo, lamenta a falta de apoio de partidos como o BNG.
Trátase dunha serie de medidas extraordinarias que protexen integramente aos agricultores e gandeiros galegos, como leva tempo esixindo o PPdeG, que sempre defendeu un reforzo nas salvagardas que evitasen perturbacións no mercado e un prexuízo no sector.
Así, co voto a favor tamén dos eurodeputados galegos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, os populares conseguiron unha redución substancial dos umbrais de activación das salvagardas. Nun primeiro momento esta barreira situábase no 10% interanual en sectores sensibles, pero finalmente o texto resultante do acordo fixa un umbral do 5%, unha medida fundamental porque permite actuar antes de que o dano ao mercado sexa irreversible.
“Non se está falando de salvagardas simbólicas, senón dun instrumento operativo, rápido e xuridicamente sólido, que ofrece unha protección real fronte a posibles distorsións derivadas do Acordo UE–Mercosur”, afirman os populares. Ademais, sinalan que “durante a negociación, houbo unha liña vermella que defendemos desde o primeiro día: que a apertura comercial non se fixese á custa do campo europeo. E iso é exactamente o que conseguimos.”
“O BNG NON APOIA AO AGRO GALEGO”
O BNG, en cambio, “votou unha vez máis en contra do agro galego, non apoiando o Regulamento das Salvagardas e optando pola aplicación provisional do Acordo UE-Mercosur sen medidas adicionais de protección para os agricultores e gandeiros”.
Ademais, lamentan desde o PPdeG, a súa postura “supuxo non apoiar auditorías en orixe e que haxa máis controis”.
En definitiva, “o BNG está a utilizar aos agricultores e gandeiros ao non dicirlles a verdade e asegurar en xaneiro que o Acordo se bloquearía se se mandaba ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea —non é o caso—; e hoxe volveunos traizoar ao non apoiar as medidas adicionais de protección para o sector primario”.
“A súa postura só demostra unha actitude destrutiva con Europa e co sector agrogandeiro de Galicia”, conclúen os populares.