O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que respecte o autogoberno de Galicia e retire, con carácter inmediato, o recurso de inconstitucionalidade contra o plan de axilización da dependencia e da discapacidade, así como contra a repotenciación dos parques eólico e a obriga de ofertar e vender en Galicia parte da electricidade xerada en beneficio directo da cidadanía e da industria galegas.
O portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que “ao longo do noso autogoberno se teñen producido desencontros entre o Goberno galego e o Goberno central, diferenzas que foron resoltas normalmente a través das canles institucionais pero que nesta ocasión é a primeira vez que o Goberno de Pedro Sánchez decidiu utilizar unha vara de medir diferente e específica para castigar a Galicia”. “Non falamos dunha discrepancia de criterio entre a Xunta e o Estado, senón dun novo episodio do proceso de doma e castración de Galicia deseñado por un goberno incapaz de asumir democraticamente o seu fracaso electoral nesta terra”, dixo.
PARALIZACIÓN DE FACTO
En concreto, o recurso interposto polo Goberno de España paralizou de facto o plan de choque impulsado pola xunta para reducir as listas de espera na dependencia e o proceso de modernización e remuda de parques eólicos que permite o abaratamento do prezo da enerxía para empresas e fogares galegos.
“O plan de axilización e simplificación da dependencia e da discapacidade da Xunta estaba a ser unha ferramenta de enorme utilidade para reducir os tempos de espera para o recoñecemento da dependencia”, asegurou Alberto Pazos, quen concretou que só durante o pasado ano 2025 se resolveron 86.319 expedientes, 28.737 persoas se incorporaron ao sistema de dependencia, se fixeron 57.582 recoñecementos de discapacidade e 12.626 persoas con dependencia viron recoñecida de maneira automática a súa discapacidade, reducindo os tempos de espera en dous meses.
Pola súa banda, a modificación da normativa impulsada polo Goberno galego buscou acelerar o proceso de renovación tecnolóxica dos parques eólicos galegos de máis de 25 anos, obrigando ás eléctricas a adiantar os seus investimentos para mellorar o aproveitamento eólico en beneficio de todos. “Unha medida moi criticada polo sector enerxético, pero que segundo o informe da Universidade de Vigo permitiría reducir o número de aeroxeradores nun 80 por cento, aumentando ao mesmo tempo a produción nun 34,5 por cento”, indicou o portavoz popular.
MEDIDAS COPIADAS
Ademais, subliñou que “son tan exitosas estas medidas que o propio Goberno de Pedro Sánchez está incorporando algunhas destas iniciativas na súa propia lexislación, coa diferenza de que mentres a Xunta recoñece aos dependentes de grao 3 o 100 por cento da discapacidade, o Goberno de España fai o mesmo pero limita o recoñecemento ao 65 por cento”.
“Resulta incomprensible que o Goberno de España cuestione unha normativa que está mellorando a vida dos galegos, pero aínda resulta máis incomprensible que ese disparate sexa apoiado por grupos que teñen representación neste Parlamento”, considerou o portavoz popular, quen anotou que “non se pode berrar pedindo máis autogoberno, despois de apoiar a quen recorta o noso autogoberno; non se pode esixir a redución das listas de espera da dependencia, e apoiar a quen boicotea as medidas que permiten reducir as listas de espera da dependencia; e non se pode esixir que a sociedade galega obteña beneficio da explotación dos nosos recursos, para despois apoiar a quen impide que iso se faga realidade”, concluíu.