A portavoz da área de Emprego do Grupo Parlamentario Popular, Noelia Pérez, instou ao Goberno central a que impulse medidas reais e eficaces que permitan afrontar o absentismo laboral de forma estrutural.
Durante unha reunión coa Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Ourense, a representante popular incidiu no impacto crecente que esta problemática está a ter sobre a produtividade e a competitividade das empresas, moi especialmente nas deste sector; así como na Seguridade Social e o funcionamento dos servizos sanitarios.
Segundo os datos da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), as situacións de incapacidade temporal incrementáronse arredor dun 60% no período e 2017 e 2024, ao igual que a súa duración media, que se sitúa ao redor dos 46 días. É a propia AIReF a que alerta dun risco de prolongacións innecesarias e dun uso ineficiente dos recursos públicos. Neste punto, o Grupo Popular propón impulsar unha reforma do sistema de incapacidades temporais que permita mellorar o control, seguimento e avaliación dos procesos de baixa laboral.
Así, Noelia Pérez avogou por unha mellora da coordinación institucional, un seguimento rigoroso dos procesos de baixas, na prevención de prolongacións innecesarias e na dotación de recursos suficientes ás Comunidades, respectando sempre as súas competencias en materia sanitaria.
SEN SOLUCIÓNS DO GOBERNO CENTRAL
Tras recordar as reiteradas advertencias feitas desde Galicia sobre esta problemática, criticou o desleixo amosado polo Goberno central. E é que, tal e como indicou, o Executivo de Pedro Sánchez limitouse a anunciar un Observatorio do Absentismo Laboral, sen medidas concretas nin calendario definido nin tampouco propostas normativas que afronten de maneira efectiva un problema que continúa agravándose. Tal e como advertiu, estase a disparar o gasto público e a tensión nos sistemas sanitarios autonómicos é cada vez maior, ao tempo que esta problemática xera unha forte incerteza e perdas no tecido produtivo.
Asemade, a voceira de Emprego avogou por unha coordinación entre os servizos públicos de saúdes das Comunidades e o Instituto Nacional da Seguridade Social e as mutuas colaboradoras mediante protocolos comúns. E reclamou un maior financiamento estatal para afrontar o incremento da carga asistencial, derivada do aumento das situacións de incapacidade temporal e do absentismo laboral.
O PLAN GALEGO DE MELLORA DA INCAPACIDADE TEMPORAL
Fronte ao Goberno de Pedro Sánchez que non propón ningunha solución eficaz, o Plan de mellora da incapacidade temporal da Xunta, posto en marcha en agosto de 2024, permitiu unha revisión de máis de 107.000 procesos e motivou preto de 26.000 altas. Un plan que, tal e como explicou Noelia Pérez, busca que estes procesos de incapacidade temporal sexan máis eficientes, tanto para o paciente que solicita, o facultativo que a prescribe e o sistema que financia a prestación. Isto é, estas medidas pretenden acadar unha xestión das baixas máis operativa, eficaz e áxil.