O PPdeG vai presentar unha iniciativa nos concellos costeiros, así como nas deputacións, na que lle reclama ao Goberno central que cese no seu novo intento de atacar o litoral galego.
Así o anunciaron esta mañá, en Boiro, os deputados autonómicos, Magdalena Pérez e Ángel Rodríguez, durante unha xuntanza co presidente da xestora do PP local, Nolo Romero; o portavoz popular, Fernando García Diéguez; e veciñanza afectada.
Neste senso, reclamaron ao Executivo de Pedro Sánchez “máis diálogo e menos escurantismo” e instárono a que informe de forma precisa sobre a modificación que pretende do Regulamento Xeral de Costas, tendo en conta que se trata dun asunto que afecta directamente á actividade económica, ao emprego e á estabilidade de miles de familias vinculadas ao sector marítimo-pesqueiro.
Os deputados populares, poñendo como exemplo a comarca de Barbanza, lamentaron a deslealdade institucional e a falta de transparencia que o Goberno central está a ter nun asunto que afecta a milleiros de persoas que viven e traballan na costa. “Gustaríanos saber cales son as súas verdadeiras intencións”, dixo Magdalena Pérez.
Por iso, considerou que, antes de formular unha modificación normativa destas dimensións, o Ministerio debería ter dado un tempo suficiente para que os sectores implicados puidesen analizar as consecuencias e presentar alegacións con rigor, e non, tal e como fixo, habilitar tan só un prazo de 15 días que rematou o pasado xoves.
Así mesmo, Ángel Rodríguez afeoulle a falta de sensibilidade cos sectores afectados, aos que non escoitaron nin lle deron voz. E avogou porque o Estado, antes de tomar ningunha decisión, leve a cabo xuntanzas cos concellos e os axentes económicos e sociais afectados, para adecuala á realidade social actual. Neste senso, amosouse pouco esperanzador, xa que “o Goberno de Sánchez sempre elude calquera debate”.
INICIATIVA NO PARLAMENTO DE GALICIA
Por último, os deputados anunciaron que tamén o Grupo Parlamentario do PPdeG presentará, no pleno da vindeira semana, unha iniciativa para interesarse polas accións que está a adoptar a Xunta para que o Executivo central dea información precisa sobre a modificación, sen previo aviso nin ás Comunidades nin aos sectores afectados, do Regulamento Xeral de Costas.
Na mesma liña, o presidente da xestora do PP local, Nolo Romero, amosou a súa “preocupación” por esta cuestión, que “mantén en vilo a moitos veciños do concello e da comarca desde hai anos”. Así, asegurou que defenderá aos seus paisanos fronte aos agravios socialistas e agarda que o alcalde “deixe a un lado o seu corazón sanchista e tamén se poña ao carón dos intereses do municipio”.
De feito, lembra Romero, o alcalde é tamén o secretario do Mar e Recursos Mariños do PSdeG, pero “nin aínda así deu aviso á veciñanza deste cambio tan significativo do Regulamento de Costas, deixando claro que prefire protexer antes aos dirixentes do seu partido que ao seu concello”.