A deputada autonómica do Grupo Parlamentario Popular, Paula Mouzo, urxe ao Goberno central “unha resposta contundente” na loita contra o narcotráfico na Costa da Morte, ante a continuada falta de medios materiais e efectivos que redundan nun incremento da inseguridade.
De confirmarse, o traslado a Cee da base do Servizo de Vixilancia Aduaneira, actualmente en Muros, suporá un novo agravio do Executivo de Pedro Sánchez con Galicia. e é que, tal e como explicou a deputada popular Paula Mouzo, estaríase a “espir un santo, para vestir outro”, mantendo a situación de desprotección dunha ampla área do litoral, ademais de supor un incumprimento do acordo unánime, acadado hai case un ano no Parlamento de Galicia, que demandaba a creación dunha nova base marítima permanente na Costa da Morte, e non o traslado doutra que, desde hai tempo, xa funciona en precario. Así é que pediu que o Goberno dea explicacións de inmediato dos plans que ten para esta zona en materia de seguridade e vixilancia costeira.
“Non hai un verdadeiro compromiso do Goberno por reforzar a Costa da Morte con máis medios materiais e tecnolóxicos para combater o incremento das actividades ilícitas”, salientou Mouzo, quen incidiu en que, de producirse este traslado, confirmaría o abandono ao que o Goberno de Pedro Sánchez ten sometida á Costa da Morte na loita contra o narcotráfico.
A deputada popular fixo fincapé, tamén, na necesidade de que se modernicen e reforcen os medios persoais e materiais do Servizo de Vixilancia Aduaneira, tal e como demandan os sindicatos, dotándoo de embarcacións máis potentes, equipadas coa tecnoloxía necesaria para interceptar narcolanchas e garantir así a eficacia das operacións de vixilancia no litoral galego. “Non facelo implica unha preocupante desprotección do litoral galego pola insuficiente dotación tanto de medios materiais como humanos cos que se está a operar”, dixo.
Asemade, recordou que, a situación de desprotección non só afecta á zona marítima, tamén no interior está a Garda Civil en precario, xa que unha soa patrulla atende unha
ampla zona de vixilancia operativa, a das comarcas de Fisterra e Soneira. Esta situación incrementa a sensación de inseguridade da veciñanza e reduce a capacidade operativa, obrigando a desprazarse a puntos moi distantes e aumentando o tempo de resposta ante calquera emerxencia.