O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a iniciativa do PPdeG, sen votos en contra, encamiñada a instar ao Goberno de España a activar medidas extraordinarias de apoio ao sector agrario e gandeiro galego tras os graves episodios meteorolóxicos das últimas semanas.
Na iniciativa, os populares galegos piden ao Goberno central habilitar liñas extraordinarias de axudas directas graduadas, complementar indemnizacións insuficientes e adoptar medidas fiscais, financeiras e laborais para aliviar a presión sobre as explotacións.
“Galicia está a facer os deberes. A Xunta leva anos reforzando as achegas aos seguros agrarios, con arredor de 10 millóns de euros anuais de fondos propios, demostrando un compromiso firme co noso rural fronte aos episodios meteorolóxicos adversos”, indicou o portavoz de Medio Rural do PPdeG, Miguel Viso.
O portavoz explicou que Galicia encadeou desde comezos de ano un tren continuado de borrascas, con máis de 7.600 incidencias rexistradas en apenas tres semanas e unha precipitación media de case 290 litros por metro cadrado en xaneiro, preto dun 98 % por riba dos valores habituais.
“Non falamos de percepcións, senón de datos obxectivos e verificables que teñen unha tradución directa sobre o terreo”, sinalou.
Viso subliñou que, en comarcas como A Limia, a colleita de inverno perdeuse por asolagamento e pola imposibilidade de traballar as terras, afectando a un sector que representa arredor do 4,5 % do PIB galego e sostén decenas de miles de empregos.
O portavoz tamén valorou o esforzo da Xunta de Galicia na subvención dos seguros agrarios e advertiu que, aínda así, “a existencia dun mecanismo non garante a súa suficiencia”, debido a límites de cobertura, franquías ou danos excluídos.
EQUIDADE TERRITORIAL
“O que pedimos é sinxelo: equidade territorial. Se o Goberno de España activa plans extraordinarios millonarios noutras comunidades afectadas, Galicia debe recibir o mesmo trato cando os danos son igualmente obxectivos e acreditables”, indicou Miguel Viso.
Neste sentido, lembrou que o Goberno de España aprobou recentemente un plan extraordinario de 2.174 millóns de euros en axudas directas para agricultores, gandeiros, pescadores e acuicultores de Andalucía e Estremadura, con compensacións pola perda de renda, apoio ás pólizas de seguro e medidas fiscais e financeiras complementarias.
“Non cuestionamos ese apoio, pero resulta difícil de entender que, ante danos tamén obxectivos e acreditables noutros territorios, non se articulen respostas de similar magnitude en termos de equidade territorial”, afirmou.
O deputado popular concluíu que “desde o PPdeG reclamamos que se activen para Galicia medidas extraordinarias equiparables ás xa aprobadas noutros lugares. O noso rural merece apoio, certezas e igualdade de oportunidades”.
“Situacións extraordinarias requiren respostas extraordinarias. O Parlamento enviou hoxe unha mensaxe clara: Galicia defende o seu sector primario con rigor, con datos e con firmeza institucional”, concluíu Miguel Viso.