A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, pon en valor a aposta por “crear e manter servizos no rural”, a través de políticas populares encamiñadas a “fixar e incrementar poboación”, así como “tecer redes sociais e puntos de encontro” nos concellos pequenos, como é o caso de Piñor (Ourense), que recentemente abriu un bar municipal no lugar de Arenteiro.
A número dous do PPdeG destacou o “bo facer” de gobernos populares como o de Piñor, co alcalde José Luis González á cabeza, por “investir esforzos en recuperar un servizo que é moito máis ca un negocio, un lugar de reunión e socialización”.
Así, despois dunha visita á nova cafetería, aproveitou para felicitar ao rexedor pola iniciativa, que abriu as portas no pasado mes de decembro, despois dunha rehabilitación, cun emprendedor mozo ao fronte.
Prado tamén sacou músculo do PPdeG como “o partido do rural”, ao centrarse en “preocupacións da xente, como é o caso de”. Para ela, queda demostrado que o PPdeG é “o partido preferido dos galegos, onde se senten máis identificados”.
Ademais, lembrou que, como no caso de Piñor, o PP goberna en Galicia no 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes.
Para o alcalde, “os veciños viñan tempo reclamando que o Concello facilitase a instalación dun local onde socializar, botar a partida ou falar, sen ter que desprazarse quilómetros”. Ademais, subliñou a importancia do establecemento para o municipio tamén pola súa proximidade ao albergue de peregrinos, que acolle a centos de camiñantes que elixen a Vía da Prata, ruta que pasa por este municipio.