O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez reclama a protección do silicio metálico e o silicio cálcico, materiais estratéxicos para industrias siderúrxicas galegas e europeas, fronte ao crecemento das importacións doutros países —especialmente China—, que están causando graves prexuízos ao sector nos países da Unión Europea.
Adrián Vázquez rexistrou unha pregunta no Parlamento Europeo sobre a posibilidade de incluír estes dous compostos nas medidas de salvagarda sobre ferroaleacións, que a Comisión Europea aprobou recentemente co obxectivo de protexer a industria siderúrxica da UE fronte ao aumento das importacións.
Na liña da defensa da protección á industria galega, subliña que tanto o silicio metálico como o cálcico son “estratéxicos” para moitos sectores en Galicia, polo que o PPdeG demanda a súa inclusión nestas medidas de protección das ferroaleacións, reforzando así a resiliencia das cadeas de subministración europea fronte ás importacións. Trátase de materiais implicados na fabricación de aceiro e cruciais en industrias como a construción, a automotriz, a aeroespacial ou a militar.
“O silicio metálico e o cálcico quedaron fóra do ámbito das medidas, a pesar da súa relevancia para sectores industriais estratéxicos e para determinados polos produtivos da UE, incluídos algúns en rexións como Galicia”, destaca o eurodeputado.
Neste contexto, pregunta á Comisión Europea pola posibilidade xurídica e económica de ampliar o ámbito das medidas de salvagarda e, así, incluílos. E tamén consulta as condicións de mercado necesarias para revisar o alcance das medidas de salvagarda que están actualmente en vigor, antes a súa expiración en 2028.
“Á luz da forte presión das importacións —en particular procedentes de China— e da significativa caída de prezos observada no mercado da UE, queremos saber se a Comisión ten previsto realizar un seguimento específico da evolución das importacións e do posible prexuízo para os produtores da Unión en relación con estes produtos”, sinala Vázquez.
UNHA INDUSTRIA QUE EMPREGA A 1.800 PERSOAS
A Comisión Europea deu un paso importante para protexer a industria das ferroaleacións da Unión Europea —que emprega a unhas 1.800 persoas na UE— mediante a imposición de medidas de salvagarda definitivas ás importacións de determinadas ferroaleacións. Esta decisión, tomada o pasado mes de novembro de 2025, puxo fin a un procedemento e investigación xudicial de 11 meses de duración.
As medidas definitivas impostas consisten en continxentes arancelarios específicos por país por tipo de ferroaleación, o que limita o volume de importacións para entrar na UE libres de dereitos. Estas medidas estarán en vigor durante un período de tres anos, que expirará o 17 de novembro de 2028.