Os deputados populares Enrique Barreiro e Nicole Grueira, acompañados polo alcalde de Guntín, Angel Pérez, realizaron hoxe unha visita a unha granxa deste concello, na provincia de Lugo, e participaron nun encontro con gandeiros onde puxeron en valor a aprobación, na Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes, celebrada esta semana no Parlamento de Galicia, dunha iniciativa na que o PPdeG pedía reforzar a prevención e protección do sector vacún fronte á dermatose nodular contaxiosa bovina, unha enfermidade vírica que xa afectou a distintos puntos de España nos últimos meses.
Os deputados do PPdeG subliñaron a relevancia desta medida para blindar un sector estratéxico para Galicia. “Defender o vacún galego é defender Galicia”, afirmou Barreiro, quen lembrou que esta enfermidade non é unha zoonose e, polo tanto, non afecta ás persoas, pero si pode ter un forte impacto económico nas explotacións.
Grueira destacou que Galicia produce arredor do 42% do leite de España e que o sector lácteo e de carne supón case un 4% do PIB galego, xerando máis de 40.000 empregos directos. “Non falamos só de cifras, falamos de miles de familias que viven do campo e que manteñen vivo o noso rural”, sinalou.
ACTUACIÓN ANTICIPADA DA XUNTA
Os deputados puxeron en valor a actuación anticipada da Consellería de Medio Rural, que reforzou controis, inmobilizou animais procedentes de zonas afectadas e impulsou medidas de prevención. “Mentres outros analizaban, Galicia xa estaba actuando. Iso é responsabilidade”, indicou Barreiro.
A iniciativa aprobada reclama unha maior coordinación do Ministerio na xestión da crise sanitaria para evitar diferenzas de criterio entre comunidades autónomas. “Nunha crise sanitaria non pode haber 17 respostas distintas. O sector precisa claridade e coordinación”, afirmou Grueira.
O texto aprobado na Cámara galega tamén insta a revisar a categorización europea da enfermidade para evitar sacrificios masivos “in situ” cando poidan aplicarse medidas máis proporcionadas. “Rigor sanitario si, pero sen desproporción”, defendeu Barreiro.
Ademais, solicítase impulsar o desenvolvemento dunha vacina marcada que permita diferenciar animais vacinados dos infectados, así como garantir indemnizacións xustas e actualizadas no caso de sacrificios obrigatorios, incluíndo esta enfermidade nas coberturas de seguros agrarios.
Ambos deputados concluíron reiterando o compromiso co rural galego e co sector primario. “Os nosos gandeiros e gandeiras deben saber que non están sós. Galicia vai seguir defendendo o seu campo con responsabilidade, rigor e apoio real”.