O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, reclamar ao Goberno central unha planificación eléctrica xusta que garanta o desenvolvemento industrial da nosa Comunidade. A iniciativa saíu adiante sen ningún voto en contra.
O portavoz popular de Industria e Enerxía, Rubén Lorenzo, lamentou os tres anos de “atrasos e improvisacións” do Executivo de Pedro Sánchez para concluír coa planificación da rede de transporte eléctrico. Neste punto, considerou urxente unha resposta ás necesidades dos proxectos que queren implantarse na nosa Comunidade, pero que, por falta de conexión, non o poden facer.
Durante a súa intervención, o parlamentario popular recordou que, dos 8000 megavatios de nova capacidade de demanda que Galicia solicitou, o Goberno de Pedro Sánchez só concedeu o 23,7%: “Isto é, só está a atender unha de cada catro necesidades reais de Galicia; o restante 76% queda sen resposta”. Unha “discriminación inxustificable”, resaltou, máis tendo en conta que a nosa Comunidade aporta o 8,8% da xeración eléctrica do país e o 29% de toda a hidráulica total.
Fixo fincapé na falsidade do discurso sostible da Administración central: “Así non hai transición que funcione; non hai industria que se poida instalar e non hai territorio que poida competir”. E reclamou un investimento acorde á nosa xeración eléctrica, unha rede que permita evacuar renovables e desenvolver bombeos reversibles e un mecanismo áxil para conectar proxectos estratéxicos, co fin de contar con capacidade para atraer industria e crear emprego.
A PROVINCIA DE LUGO, EXCLUÍDA DO MAPA DE PLANIFICACIÓN
“O que fai con Galicia non é planificación, é abandono”, dixo Rubén Lorenzo, quen incidiu nos prexuízos que terá para a provincia de Lugo, que queda sen resposta o futuro industrial de Lugo durante a próxima década.
Tal e como figura no mapa de planificación do Executivo de Pedro Sánchez, tanto o oeste como o centro de Lugo non teñen nin unha soa subestación de transporte, o que impide a instalación de empresas: “Significa que proxectos de hidróxeno verde, centros de datos, industria agroalimentaria ou forestal queden directamente excluídos”. “Unha provincia desconectada –continuou- é unha provincia condenada”.
Tal e como explicou, a desconexión da provincia de Lugo non é un problema local, é un problema estrutural que arrastra, tamén, a outras zonas, como Curtis e Teixeiro.
Para rematar, criticou a postura do PSdeG, sempre na defensa de Pedro Sánchez, nunca na de Galicia. Así, dixo que, cada vez que o Goberno central recorta, discrimina e desconecta Lugo, “o PSdeG cala”. “Porque para o PSdeG –engadiu- antes está Pedro Sánchez que Galicia.