O PPdeG denuncia que o Goberno de Sánchez “segue negándose” a facilitar a resposta que dirixiu o Estado español á Comisión Europea, tras un ditame no que cuestiona o cumprimento da normativa comunitaria de contratación pública en relación coas prórrogas da concesión da AP-9.
“Non podemos admitir a alusión á confidencialidade en relación con un asunto que afecta a unha autoestrada fundamental para a mobilidade, a cohesión territorial e o desenvolvemento económico de Galicia” critica o deputado galego Celso Delgado, que tacha de “decepcionante” a última resposta do Goberno de Pedro Sánchez, apoiado polos seus socios independentistas, ante os requirimentos de información dos populares, amparándose nesa confidencialidade que, en realidade, é “unha absoluta falta de transparencia”.
Os deputados galegos do PPdeG no Congreso esixen, deste xeito, “coñecer por que o Goberno, tralos ditames europeos, desaproveitou a viabilidade do rescate e ata afirmou que discutirá coa Comisión Europea, mesmo indo aos tribunais de xustiza”.
UNANIMIDADE Á PETICIÓN DO PPDG NO PARLAMENTO
Os populares defenden a decisión adoptada polo Consello da Xunta de Galicia de autorizar a interposición dun recurso contencioso-administrativo, co obxectivo de obter a información remitida polo Goberno de España á Comisión Europea en relación co ditame sobre as prórrogas da concesión da AP-9.
Delgado lembra que o pasado 2 de febreiro, o propio PSOE votou no Parlamento galego a favor de demandar toda a documentación relativa ao devandito expediente da Comisión Europea. Unha petición impulsada polo PPdeG que, cos votos a favor socialistas e dos seus socios do BNG, saíu aprobada por unanimidade.
AGRAVIO COMPARATIVO CON GALICIA
“Unha vez máis queda acreditado que existe un “tratamento diferenciado” con outras comunidades”, lamenta o deputado galego, lembrando a finalización da AP-7 en Alacante ou a transferencia da A-68 a Navarra. “Non podemos seguir con este agravio a Galicia e dende o PPdeG imos seguir reclamando o que é de xustiza: unha AP-9 libre de peaxes e transferida a Galicia”, subliña.
A transferencia da AP-9 a Galicia é unha demanda histórica dos milleiros de galegos que utilizan a Autoestrada do Atlántico a diario e que sofren a negativa do Goberno central á xestión autonómica, un modelo que reduciría o elevado custo das peaxes, entre outros beneficios para a nosa Comunidade.
Ademais, o PPdeG advirte que as condicións do rescate, a medida que pasa o tempo, serán cada vez máis gravosas polas inxeccións de diñeiro público que está recibindo la concesionaria, sumado a suba das tarifas.