O grupo do PPdeG na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) reclama ao Goberno central liberdade para destinar os maiores ingresos procedentes das entregas a conta da Participación nos Ingresos do Estado (PIE) e da liquidación definitiva de 2024.
Así o explicou o vicepresidente primeiro da Fegamp e voceiro popular, Ángel Moldes, remarcando que os importes das entregas a conta previstas para 2026 serán previsiblemente superiores aos de 2025, ao igual que a liquidación de 2024. Neste contexto, sinala que os concellos trasladaron as súas dúbidas ao Ministerio de Facenda, que recoñeceu que, polo momento, non prevé autorizar o uso libre destes fondos ante a posibilidade de presentar aínda un novo proxecto de Orzamentos Xerais do Estado.
“Levamos tres anos sen orzamentos do Estado, estamos xa en marzo e esta incerteza está condicionando e castigando aos concellos, que poderían destinar estes incrementos á prestación de servizos e á execución de investimentos prioritarios para a cidadanía”, engade o popular.
Ademais, lembra que nos exercicios 2024 e 2025 o Ministerio xa indicara que, ante a falta de aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, os maiores ingresos da PIE non estarían afectados pola regra de gasto, polo que non era obrigatorio destinalos obrigatoriamente a reducir o nivel de débeda pública.