O PPdeG denunciou, hoxe, o abandono do transbordador do Miño e instou ao Goberno central a cumprir cos traballos de dragado río, comprometidos con Portugal.
Nunha visita que realizaron ás instalacións –actualmente pechadas- do transbordador que une A Guarda coa localidade portuguesa de Caminha, os deputados autonómicos do Grupo Popular, Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez, lamentaron a situación de deterioro do río Miño e o desleixo que sofre este servizo esencial para a conexión transfronteiriza.
“O río –salientou García Comesaña- está cheo de area, o que impide o paso entre ambas as dúas beiras”. E incidiu en que, a pesar de que se anunciara que no cumio hispano-luso se acordaría o dragado e a renaturalización do río, “ese compromiso nunca se materializou”, pese a tratarse dunha demanda histórica.
UN NOVO AGRAVIO DE PEDRO SÁNCHEZ CON GALICIA
Así, recordaron que o PPdeG leva anos defendendo unha estratexia integral para o tramo internacional do río Miño, que inclúe o impulso dun dragado controlado e ambientalmente sostible, a mellora da navegabilidade, a protección das pesqueiras tradicionais, o control das especies invasoras, garantías de caudais adecuados e o reforzo da cooperación transfronteiriza con Portugal.
Neste punto, Moisés Rodríguez considerou que a inacción do Executivo de Pedro Sánchez supón un “novo agravio” con Galicia, afectando á actividade económica, ao turismo e ás comunicacións entre ambos os dous países. E recordou que o PPdeG leva varias iniciativas presentadas, no Parlamento de Galicia, no Congreso e no Senado, alertando da gravidade do estado do río.
Acompañados dos rexedores da Guarda e Salvaterra de Miño, Roberto Álvarez e Marta Valcárcel, da senadora Nidia Arévalo e do voceiro do PPdeG en Tui, Nicolás Montes; os parlamentarios populares pediron que o Goberno “pase dos anuncios aos feitos” e que cumpra de maneira inmediata o compromiso adquirido, impulsando o dragado sostible do río Miño, xunto cun paquete de medidas que permitan recuperar a súa navegabilidade, garantir a súa seguridade e protexer o seu equilibrio ambiental.