O PPdeG homenaxea a Miguel Ángel Blanco no noveno aniversariodo seu nomeamento como presidente honorífico das Novas Xeracións do Partido Popular, como “exemplo moral e de coraxe democrática” para os mozos, fronte os partidos que “non condenan a historia recente de España”.
“Nós, no Partido Popular, temos a conciencia tranquila: estamos onde temos que estar. O que non entendemos é como hai partidos que non condenan os asasinatos de ETA e pretenden lexitimar a súa existencia”, sinalou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, durante o acto celebrado no Monumento á Liberdade, en A Merca, erixido en honra ao concelleiro galego de Ermua asasinado pola banda terrorista en 1997. Tamén participaron a presidenta das Novas Xeracións de Galicia, Nicole Grueira; o alcalde, Manuel Garrido, e a secretaria xeral do PP da provincia de Ourense, Sandra Quintas.
Prado amosou o seu rexeitamento o emprego partidista de discursos sobre memoria histórica de partidos “aliados cos herdeiros da banda terrorista e mesmo asesorados por eles”, citando ao BNG. Tamén fixo referencia a saída de prisión da ex-xefa de ETA, ‘Anboto’, que acaba de réxime de semiliberdade grazas ao acordo PSOE-Bildu co beneplácito do PNV. “Vemos que a inmoralidade da esquerda non ten fin”, critica.
Para a número dous dos populares galegos, é unha “falta de respecto para as vítimas e as familias” que saian á rúa persoas que “tanto dano fixeron, sen pedir perdón e sen axudar a esclarecer os crimes que custaron a vida a tantas persoas, tamén compañeiros, como foi Miguel Ángel Blanco”. Igualmente, afeou a esquerda que “veñan darnos leccións cando queren tapar a memoria máis recente de España”.
Por outra banda, puxo en valor o impulso de alcaldes como José Manuel Garrido e o seu equipo a iniciativas e servizos nos concellos do rural, felicitando neste caso ao rexedor porque o centro educativo do municipio incrementou o número de alumnado.
NICOLE GRUEIRA: “SOMOS UNHA XERACIÓN CON RESPONSABILIDADE”
A presidenta das Novas Xeracións do PPdeG reafirmou o “compromiso” dos mozos como unha xeración que “colle o relevo de Blanco con orgullo, con responsabilidade e convicción”.
Nicole Grueira lembrou que o terrorismo de ETA deixou máis de 853 vítimas mortais, milleiros de feridos e unha pegada “imborrable” nas familias que sufriron a inxustiza e a violencia. Así, referiuse ás vítimas do terrorismo coma o edil do PP asasinado, “símbolo da defensa da liberdade, da democracia e da dignidade fronte á barbarie”.
“Este ano cúmprense nove anos do seu nomeamento como presidente honorífico das Novas Xeracións nacionais, e para nós non é só unha data. É unha responsabilidade manter vivo o seu legado político e humano, e lembrar que hai cousas que nunca poden volver ocorrer”, indicou.
Referiuse a Miguel Ángel Blanco coma un mozo que decidiu dar un paso adiante nun momento no que facer política era “xogar a vida”, representando “a unha xeración que non cedeu ao medo e decidiu defender os seus principios”. Para Grueira, as novas xeracións teñen agora a “responsabilidade” de lembrar o que ocorreu e defender os valores da liberdade, o pluralismo, a convivencia e o respecto. “Miguel Ángel Blanco demostrou que a xente nova pode e debe ser protagonista na vida pública. Que implicarse paga a pena”, xustificou.
JOSÉ MANUEL GARRIDO: “É UN SÍMBOLO DE LIBERDADE”
Durante a súa intervención, o alcalde de A Merca reivindicou as orixes de Miguel Ángel Blanco neste municipio, no que repousan os seus restos mortais. “Aquí naceu, aquí tiña á súa familia, de aquí era a súa esencia… E aquí é onde seguimos recordando e honrando o seu legado”, apuntou.
Para Garrido, despois de 29 anos do asasinato de Miguel Ángel Blanco, falar del é “falar dun símbolo de defensa da liberdade e de loita contra a violencia”.
Tamén sinalou que o seu asasinato a mans de ETA “marcou un antes e un despois na historia de España e na loita da democracia contra o terrorismo, facendo que o seu recordo perdure sempre na nosa memoria persoal e colectiva”.
OFRENDA FLORAL NO CEMITERIO DE FARAMONTAOS
A homenaxe desenvolveuse no Monumento á Liberdade e, con posterioridade, os asistentes trasladáronse ao cemiterio de Faramontaos no que repousan os restos de Miguel Ángel Blanco, onde se realizou unha ofrenda floral.