“Fronte a un partido que ten propostas e fronte a un goberno que goberna, está o ‘modelo do non’ do BNG e o ‘non modelo’ do PSdeG”, dixo, esta mañá, o portavoz do Grupo Parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, tras coñecerse o rexistro da solicitude da comparecencia do Presidente da Xunta no Debate de Política Xeral.
Neste senso, apuntou que este debate, que coincidirá coa metade da lexislatura, servirá para que o Goberno galego faga balance e fixe obxectivos para o curto e o medio prazo, así como tamén “poderá abordar os principais fitos da Galicia que funciona”. E avanzou que o PPdeG formulará propostas para consolidar aínda máis a senda da estabilidade de Galicia e para incidir na mellora da calidade de vida dos galegos, principalmente, para quen viu agravada a súa situación nos últimos tempos, como consecuencia dos conflitos bélicos e polas políticas de asfixia do Executivo de Pedro Sánchez.
“O BNG volverá ser o do ‘non polo non’ a todo, o da política do slogan e o da política da pancarta”, remarcou Pazos, para quen os independentistas viven afastados da realidade de Galicia e desconectado dos problemas reais e do día a día dos galegos. Así mesmo, fixo fincapé na perda de relevancia do PSdeG na Cámara galega, derivada, segundo explicou, polo seguidismo ás políticas do BNG ou por actuar como unha sucursal da Moncloa en Galicia: “A condición do PSdeG é ser o altofalante de Pedro Sánchez en Galicia”. “Se os independentistas –engadiu- son os do modelo do non, os socialistas son os de non hai modelo”.
A GALICIA QUE FUNCIONA
O portavoz popular contrapuxo a normalidade democrática e a estabilidade de Galicia coa España “de bloques e de caos”.
Neste senso, recordou que, nos sete anos que leva de mandato Pedro Sánchez, só se celebrou un único Debate sobre o Estado da Nación. Tras destacar o rigor e a xestión con sentidiño do presidente Rueda, incidiu en que Pedro Sánchez goberna sen marxe de manobra, atado ás directrices que lle marcan os seus socios do independentismo catalán e vasco. “Pedro Sánchez só está centrado na matemática electoral para poder seguir manténdose no Goberno”, subliñou.
Asemade, puxo en valor as políticas en materia de vivenda, o investimento histórico en gasto social, a gratuidade tanto en escolas infantís como nas matrículas universitarias, o apoio aos sectores produtivos, o impulso ao Xacobeo e as medidas de rebaixas fiscais. Para Alberto Pazos, Galicia preséntase como “unha solución” e non como un problema para o conxunto dos cidadáns.