O portavoz de Medio Rural, Miguel Viso, destacou hoxe a aprobación en Comisión dunha proposición non de lei impulsada polo PPdeG para reclamar ao Goberno de España un plan extraordinario e urxente de apoio ao sector primario, co obxectivo de facer fronte ao forte incremento dos custos enerxéticos e de produción.
“Hoxe falamos do que sostén Galicia: un sector que non se detén, que garante alimento nas nosas mesas, vida nos nosos pobos e actividade económica no territorio”, afirmou Viso, quen puxo o foco na situación límite que atravesan miles de familias do rural galego. O portavoz popular advertiu de que o incremento dos custos derivados da escalada do conflito internacional en Oriente Medio está a ter unha “repercusión profunda e crecente” no sector agrario, afectando directamente á rendibilidade das explotacións e á seguridade alimentaria. Neste sentido, lembrou que o encarecemento do gasóleo agrícola rolda o 35%, mentres que os fertilizantes superan o 25% de subida, chegando a urea a incrementarse ata un 30%.
“Non son cifras abstractas, son custos reais que agricultores e gandeiros están asumindo cada día, sen capacidade de repercutilos no prezo final”, subliñou, incidindo en que o sector primario “é o elo máis feble da cadea” e traballa con marxes cada vez máis reducidas.
Ante esta situación, a iniciativa aprobada recolle a necesidade de que o Goberno de España active un plan extraordinario que inclúa axudas directas para compensar o incremento do gasóleo agrario, bonificacións fiscais, apoio específico para o encarecemento dos fertilizantes e liñas de financiamento preferente con avais públicos para garantir liquidez ás explotacións.
Ademais, deféndense medidas fiscais de carácter xeral como a rebaixa do IVE da enerxía ao 10%, a supresión do imposto de xeración eléctrica e a redución do IVE dos produtos esenciais, incluíndo carne, peixe, conservas e produtos lácteos.
Viso salientou, tamén, a importancia de reforzar o sistema de seguros agrarios, mellorar os mecanismos de control para evitar prácticas especulativas e impulsar accións que poñan en valor a calidade dos produtos galegos, ao tempo que se garante a produción de proximidade e se reduce a dependencia de terceiros países. Así mesmo, a proposta inclúe unha autoemenda para garantir que as medidas fiscais adoptadas polo Estado non repercutan negativamente no financiamento das comunidades autónomas. “Apoiar ao sector primario non pode facerse a costa dos servizos públicos esenciais”, advertiu.
No ámbito autonómico, o Parlamento de Galicia insta tamén á Xunta a complementar estas actuacións con apoios específicos dentro das súas competencias para asegurar a viabilidade das explotacións agrarias e gandeiras galegas.
“O que está en xogo non é só unha actividade económica, senón o equilibrio territorial, a fixación de poboación no rural e o futuro de Galicia”, concluíu Miguel Viso, quen apelou á responsabilidade de todas as forzas políticas para dar unha resposta “urxente, proporcionada e á altura das circunstancias”.
ADAPTAR A NORMATIVA DA PAC Á REALIDADE GALEGA
O Parlamento de Galicia aprobou tamén unha iniciativa do PPdeG para instar á Xunta a trasladar ao Goberno de España a necesidade de modificar a normativa da PAC co fin de adaptala á realidade do campo galego. En concreto, reclámase recuperar a posibilidade de empregar o Rexistro de parcelas non declarables como alternativa á obriga de achegar o NIF nas parcelas de máis dunha hectárea.
Segundo explicou o portavoz de Medio Rural, Miguel Viso, esta medida permitiría reducir a carga administrativa que soportan agricultores e gandeiros, especialmente nun contexto de minifundio e elevada dispersión parcelaria, “onde cumprir con determinados requisitos pode resultar inviable”.
Ademais, a iniciativa aprobada aposta por implementar estratexias contra o fraude “máis realistas e eficaces”, baseadas en instrumentos útiles para evitar usos indebidos das parcelas, sen introducir trabas que dificulten a actividade diaria do sector primario.