O PPdeG puxo en valor os máis de 1,5M€ que o Goberno galego destina, este 2026, á conservación da contorna paisaxística e á loita contra a erosión de viñedos na Ribeira Sacra.
Durante unha visita á sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra, dos deputados autonómicos, Katy Varela, Raquel Arias e Juan Casares, salientaron a importancia desta achega, xa que, entre os seus obxectivos, está o de preservar todo este ámbito e evitar a desaparición dos socalcos de pedra. Segundo dixo Katy Varela, este tipo de cultivo da vide, tradicional da Ribeira Sacra, contribúe de forma moi significativa á singularidade paisaxística desta zona que aspira a ser declarada Patrimonio Mundial da UNESCO.
UNHA ACHEGA DE MÁIS DE 1,5M€, EN 2026
Ao abeiro desta liña de axudas, o Goberno galego pon a disposición dos viticultores, de xeito individualizado e como máximo, unha achega de 2.000€ por hectárea para o sistema de cultivo tipo 1, zonas con socalcos de pedra e onde o traballo se realiza de forma non mecanizada; e de 1.000€ por hectárea para o tipo 2, o que se leva a cabo de forma mecanizada.
En 2025, resultaron beneficiarios 794 viticultores e unha superficie de arredor de 810 hectáreas, das cales 519 hectáreas correspondentes co sistema de cultivo tipo 1, e 291 hectáreas co de tipo 2.
“Esta liña de axudas, xunto con outras como as de promoción da calidade dos viños ou as de reestruturación de viñedos, demostran a sensibilidade da Xunta co sector vitivinícola galego, que achega o 1,4% do PIB da nosa Comunidade”, subliñou Juan Casares. E é que, tal e como explicou, este sector xera un Valor Engadido Bruto duns 890 millóns de euros anuais e mantén o 1,5% do emprego, contabilizando tanto os postos de traballo directos coma os indirectos.
MÁIS DE 1.200 HECTÁREAS DE CULTIVO EN TERRAZAS
Esta denominación de orixe é unha das cinco protexidas que posúe Galicia. Na actualidade, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Ribeira Sacra ampara unha superficie produtiva dunhas 1.253 hectáreas -das cales arredor de 900 practican o sistema de cultivo en terrazas ou socalcos-, correspondentes a preto de 1.878 viticultores e 93 adegas certificadas. Na vendima de 2025, este selo de calidade recolleu algo máis de 4,6 millóns de quilogramos de uva, o que amosa a súa posición destacada no sector.
Segundo salientou Raquel Arias, o sector vitivinícola é “un motor económico fundamental para o desenvolvemento do territorio da Ribeira Sacra”. Unha actividade –engadiu- que non só favorece o asentamento da poboación, senón que “abre expectativas de futuro para as xeracións máis novas”.
No encontro, celebrado en Monforte, os parlamentarios populares aproveitaron para abordar a situación actual e recoller as súas demandas desta entidade que, tal e como apuntaron os deputados do PPdeG, “velan pola calidade do produto e poñen en valor todo o territorio”.