O PPdeG enxalza o compromiso do Goberno galego co tecido veciñal, a través da nova convocatoria de axudas que ascende a 3M€.
Neste senso, os deputados autonómicos, Noelia Pérez e Argimiro Marnotes, mantiveron un encontro coa Asociación de Mulleres Rurais Santa Águeda de Seixalbo, en Ourense, para trasladarlles a nova liña de subvencións, destinada ás asociacións veciñais, confederación, federacións ou unións de asociacións de veciños; así como tamén, ás comunidades de augas e asociacións de mulleres rurais; e cuxo prazo de solicitude está aberto ata o próximo 19 de abril.
Tal e como destacaron, estas achegas supoñen un soporte económico importante, xa que lles permite financiar actuacións de mellora, reforma e ampliación, para facer dos seus locais espazos “máis accesibles, modernos e adaptados ás súas necesidades”; así como tamén, a adquisición do equipamento necesario para o seu funcionamento do día a día e a organización de “actividades formativas, sociais e comunitarias”.
Durante o encontro, puideron coñecer as iniciativas que a entidade está a desenvolver e puxeron en valor o “importante labor diario” que levan a cabo en favor da dinamización social e cultural e da mellora da calidade de vida da súa veciñanza. Para Argimiro Marnotes, son fundamentais para manter vivas e conectadas as nosas zonas rurais.
Así, Noelia Pérez fixo especial fincapé no papel que xogan este tipo de entidades na vertebración do territorio: “Son claves na prestación de certos servizos de proximidade, ademais de xerar comunidade e ofrecer oportunidades onde máis se necesitan”.
Asemade, salientaron que estas achegas contribúen a fortalecer o asociacionismo, sobre todo, no rural, e, de maneira especial, “o papel das mulleres como motor de cohesión social”. “Mulleres comprometidas –engadiu Noelia Pérez- que dedican o seu tempo ao coidado dos demais e a combater a soidade non desexada”. Neste punto, salientaron que brindarlles apoio “é un investimento no futuro de Galicia”.