María Nazaret Cendán Gayoso
Tendo que facer un breve balance sobre o que foi o meu primeiro Debate de política xeral, teño que contestar con cabeza e corazón. Porque esa combinación de pensamento e sentimento é o que é para min a boa política.
Un primeiro debate que, recoñézoo, vivín con moita ilusión, ledicia e gratitude. E sinto isto, porque, cando unha ten vocación de servicio público, ademais dunha honra, síntese unha grande responsabilidade o poder servir aos galegos.
Un primeiro debate no que sentín, tamén, ese compromiso de estar representando ao partido do Goberno e, ao tempo, o partido que máis se parece a Galicia. E así foi que as propostas que formulamos reflicten a Galicia que madruga, a que traballa e a que se esforza.
A longo destes tres días, vivimos un exercicio de normalidade parlamentaria e institucional. Dito así pode que resulte un aspecto menor, pero, ao contrario: hoxe é excepcionalidade e exemplaridade. Unha normalidade coa que poder render contas e poder demostrar que a palabra dada ten valor, e moito.
Este debate deume a oportunidade de propoñer, pensando en chegar a acordos; de artellar medidas ambiciosas, pero, á vez, realistas, que primen o ben común e respondan, por riba de todo, ao que de verdade lle importa aos galegos.
Vivín, sentín e traballei pola Galicia Calidade: a que constrúe vivendas e non muros; a que rebaixa impostos; a da igualdade de oportunidades; a que promove o talento local e os grandes eventos culturais; e a que destina 4 de cada 10€ do seu orzamento á sanidade. En definitiva, vivín, sentín e traballei pola Galicia en positivo, pola Galicia do si.