A deputada autonómica e portavoz do PP de Monforte, Katy Varela, presentou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para instar ao Goberno central e a Adif a reanudar e finalizar de forma urxente as obras de supresión dos pasos a nivel de Río Seco e Xoán Montes.
Katy Varela denunciou que, malia ser unha actuación estratéxica e cun orzamento de 8.273.522€, os traballos levan meses «completamente parados», converténdose nunha fenda aberta que castiga diariamente aos veciños da zona.
UN ABANDONO QUE ASFIXIA AOS VECIÑOS
Neste senso, recordou que as obras comezaron en setembro de 2024 cun prazo de execución de 16 meses que xa se viu superado pola inactividade. “A situación actual é de abandono absoluto», lamentou.
Unha parálise que mantén as comunicacións interrompidas sen que haxa unha data de conclusión á vista; ademais, aínda que a explanación de novos viarios avanzou, ningún está asfaltado; pero o punto crítico é o elemento central do proxecto, a escavación do paso inferior, “que nin sequera comezou”.
«Parece que Adif tamén decidiu abandonar esta parte de Monforte, unha zona tradicionalmente esquecida polo goberno municipal. Non podemos permitir que unha inversión de 8M€ se converta nun estorbo indefinido por falta de xestión e compromiso político», sinalou.
Ante o silencio das administracións responsables e o «enorme dano» causado aos residentes, que xa fixeron públicas as súas queixas e malestar, o Grupo Popular defendera que “o Parlamento de Galicia inste á Xunta de Galicia a trasladar ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e a Adif a demanda de concluír de xeito inmediato as obras de supresión dos pasos a nivel de Río Seco e Xoán Montes”.
Katy Varela concluíu instando ao alcalde de Monforte a que «deixe de mirar para outro lado» e esixa aos seus anteriores compañeiros de partido en Madrid o cumprimento duns prazos que están a prexudicar gravemente a mobilidade e a calidade de vida dos monfortinos.