O Partido Popular de Padrón elixiu hoxe por aclamación ao voceiro do Grupo Municipal e deputado autonómico, Ángel Rodríguez Conde, como novo presidente local para dirixir o partido na capital do Sar coa misión de seguir fortalecendo a estrutura orgánica, co obxectivo claro de recuperar a Alcaldía nas Eleccións Municipais de maio de 2027.
No Congreso Local que se celebrou hoxe e no que se reuniron máis de 500 persoas entre afiliados, cargos do partido e convidados, a militancia tamén refrendou a candidatura presentada por Ángel Rodríguez Conde, de forma que o novo Comité Executivo pasa a estar integrado por 24 persoas (13 homes e 11 mulleres), cunha idade media de 45 anos e con representación territorial das cinco parroquias do municipio.
Na súa intervención tras ser elixido presidente, Ángel Rodríguez Conde comprometeuse a “traballar con proximidade e humildade para sacar adiante os proxectos estratéxicos que precisa Padrón”, como o Plan Xeral de Ordenación Municipal ou unha residencia para persoas maiores, e para “acabar cunha forma de facer política na que sobran fotos, ego e soberbia e na que faltan logros importantes”.
PAULA PRADO CLAUSUROU O CONGRESO LOCAL
A encargada de clausurar o Congreso Local foi a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, que sinalou como gran reto para o ano 2027 en Padrón a recuperación da alcaldía, con Ángel Rodríguez Conde como “o mellor candidato e capitán” dun equipo ao que pediu que “intensifique os esforzos” para “devolverlle á veciñanza a ilusión e os proxectos que lles está arrebatando o goberno autoritario de Anxo Rei”.
Prado puxo en valor “a experiencia e a proximidade” de Rodríguez Conde coa veciñanza, cunha profesión de bombeiro forestal que lle permitiu implicarse sempre cos demais dun xeito especial. Ademais, destacou o seu papel como concelleiro durante o goberno do PP en Padrón e o traballo actual que desenvolve como deputado autonómico e voceiro do Grupo Municipal, preocupándose de todos os problemas de Padrón e da Comarca do Sar.
Mentres o actual rexedor “está máis preocupado de buscar enfrontamentos coa Xunta de Galicia e por perder subvencións que en atender os problemas reais da xente”, sinalou a número dous dos populares galegos. “Fronte a iso, temos un PP de Padrón preparado para seguir engraxando esa maquinaria gañadora de eleccións que é o PPdeG e coa que aumentaremos as alcaldías nas próximas eleccións de 2027”, subliñou. Así, insistiu na necesidade de “seguir traballando con rigor e responsabilidade cos veciños” para posibilitar o cambio neste concello.
Paula Prado tamén aproveitou para facer referencia á “moción de impulso” dos compañeiros populares de Lugo, con Elena Candia á fronte, para sacar ao PSOE e o BNG do “goberno da parálise” en Lugo. Unha moción sobre a que PSOE e BNG están vertendo odio. Esixiu que socialistas e nacionalistas condenen estes ataques de odio que están instigando contra os nosos compañeiros e compañeiras nas redes sociais”. “Non é algo menor”, pois esta mesma mañá un medio de comunicación tivo que facer un comunicado desactivando a posibilidade de comentar nas noticias para “evitar todo ese odio”, engadiu.
A secretaria xeral do PPdeG deixou claro que PSOE e BNG son os “responsables de calquera situación desagradable de odio ou agresión que poida sufrir calquera militante ou persoa do Partido Popular. Desde eurodiputados ata concelleiros do PSOE e BNG teñen que cesar xa na súa instigación, non podemos consentir esta escalada de odio”, remarcou, lembrando que PP de Lugo está centrando en traballar pola veciñanza. “Estou segura de que, como en Lugo, aquí en Padrón tamén imos recuperar a alcaldía. E niso seguiremos a traballar, para que en 2027 os galegos estean representados polo partido que de verdade mira por eles: o PPdeG”, apuntou. Ademais, puxo en valor “a Galicia que goberna e gaña eleccións” fronte á oposición dos “pactos de perdedores”.
“UNIDADE, ILUSIÓN E TRABALLO”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP coruñés, Diego Calvo, agradeceu “o compromiso” de Ángel Rodríguez Conde ao dar un paso adiante para liderar o PP de Padrón, unha decisión que significa asumir responsabilidades, aceptar retos, expoñerse e comprometerse cun proxecto colectivo.
Remarcou que é “un momento de unidade, de novas ilusións e de moito traballo para seguir facendo medrar o partido local cun claro obxectivo: recuperar a alcaldía”. Neste senso, insistiu en que queda por diante “un traballo intenso, para escoitar e estar cerca dos veciños e veciñas, conformando un equipo forte e unido, e comprometido con mellorar o día a día do municipio”. Diego Calvo rematou o seu discurso manifestando o seu apoio a Ángel Rodríguez Conde e animándoo a traballar “con seriedade, rigor e determinación” para darlle a Padrón o proxecto político que necesita.
AMPLA PRESENZA DE CARGOS DO PARTIDO
Ademais de Paula Prado e Diego Calvo, o Congreso Local contou cunha nutrida presenza de cargos populares, entre os que se atopaban a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; a deputada no Congreso Marta González; os deputados autonómicos Carmen Pomar, Rubén Lorenzo, Magdalena Pérez e Gonzalo Trenor; os alcaldes de Valga e A Estrada e a alcaldesa de Teo, e voceiros e concelleiros de municipios como Dodro, Pontecesures, Rois e Ames.
ÁNGEL RODRÍGUEZ CONDE
O novo presidente local do PP de Padrón, Ángel Rodríguez Conde (Padrón, 1971), é bombeiro forestal xefe de brigada desde o ano 1994. Foi concelleiro en Padrón entre 2015 e 2021, sendo primeiro tenente de alcalde entre 2017 e 2021 con Antonio Fernández Angueira como rexedor. Nesta etapa xestionou áreas domo Saúde Pública, Deportes, Protección Civil, Emerxencias, Tráfico e Seguridade, Persoal e Festexos. A partir de 2021 traballou na Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia ata a súa toma de posesión como deputado do Grupo Popular no Parlamento de Galicia en xuño de 2023. Volveu saír elixido deputado autonómico en 2024, cargo que compatibiliza co de voceiro do Grupo Municipal do PP de Padrón desde o ano pasado.