Nicole Grueira
Hai momentos nos que unha cidade ten que decidir se segue instalada na resignación ou se aposta por avanzar. Lugo leva demasiado tempo parada. E cando unha cidade se para, perde oportunidades e perde futuro. Non é unha cuestión de percepción política, é unha realidade que se nota nas rúas, nos proxectos que non avanzan e nas oportunidades que se escapan.
En política, como se di moitas veces, cando non hai rumbo, calquera vento é malo. E iso é o que lle pasou a Lugo: falta de dirección, exceso de escusas e pouca capacidade de executar. Os que hoxe critican a moción son, en realidade, os que non souberon interpretar o resultado das urnas nin gobernar con eficacia. Aférranse ao ruído e á confrontación porque carecen de proxecto e de capacidade para dar resposta ás necesidades reais dos lucenses.
A moción de ‘impulso’ do vindeiro 7 de maio non é un capricho nin unha manobra. É unha ferramenta democrática, legal e, sobre todo, necesaria que permite corrixir unha situación na que o goberno local deixou de responder ás necesidades da cidade. E aquí hai unha realidade que convén ter clara: as mocións non rompen a democracia, forman parte dela. Son mecanismos previstos para cando unha maioría entende que é necesario un cambio de rumbo.
E, como todo na vida, tamén hai quen as ve con máis ou menos gusto. Pero aquí encaixa ben unha imaxe que todos entendemos: as mocións de censura son como os pementos de Padrón… uns pican e outros non. Unhas decisións gustan máis e outras menos, pero todas son dixeridas democraticamente. O importante non é se incomodan, senón se son necesarias. E neste caso, a necesidade é evidente.
Fronte a esta situación, hai unha alternativa clara e con dirección definida: Elena Candia. Ela representa algo que hoxe é fundamental en Lugo: capacidade de xestión, de traballo, de estabilidade, proxecto e equipo. Foi a candidata máis votada, e iso non é un dato menor nin simbólico: é a expresión dunha maioría social que pediu cambio, eficacia e un novo tempo para a cidade.
Lugo necesita un goberno que non se limite a pasar o tempo, senón que lidere. Que non vaia detrás dos problemas, senón por diante deles. Porque o que non avanza, atrasa, e unha cidade non pode permitirse quedar atrás.
A partir do 7 de maio ábrese unha oportunidade real. Unha oportunidade que se medirá en feitos: proxectos que se executan, servizos que melloran e unha cidade que recupera o seu ritmo. A realidade é clara: Lugo gaña co cambio, con Elena Candia á fronte, porque ao final, en política coma na vida, o que importa non é resistir… é avanzar.