O 10º Congreso Provincial de Novas Xeracións de Pontevedra, celebrado hoxe, elixiu ao deputado vilagarcián Raúl Santamaría como novo presidente das NNXX da provincia, con case o 98% dos votos. “Un mozo que defende os intereses dos galegos e galegas con tranquilidade e sentidiño, fronte aos que só queren ruído e conflitividade”, sinalou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, na clausura do Congreso, no que tamén participaron o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López; a presidenta de NNXX do PPdeG, Nicole Grueira, e o responsable da área de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, José López Campos.
A número dous dos populares galegos felicitou a Raúl Santamaría por acadar o triplo de avais necesarios para a súa candidatura e puxo en valor a súa traxectoria política. Lembrou que a provincia de Pontevedra contribuíu con case un 45% de apoio electoral a facer posible a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda e o papel concreto da xuventude nas urnas, xa que o PPdeG é o partido máis votado polos mozos e mozas de Galicia. “Somos a primeira opción do electorado menor de 30 anos. Nas eleccións autonómicas votáronnos 4 de cada 10 mozos galegos”, afirmou.
Para Prado, este apoio nas urnas é posible grazas a que o PPdeG é “o partido que máis se parece a Galicia e, sobre todo, porque NNXX é a organización que máis se parece aos mozos galegos e a que mellor representa e defende aos seus intereses, sen pancartas e sen ruído, fronte a un BNG que vai de manifestación en manifestación e a un PSOE instalado na corrupción e en manter a Sánchez na Moncloa”.
Tamén destacou o traballo do Goberno galego co presidente Alfonso Rueda á fronte, con políticas que ofrecen á mocidade “as oportunidades que necesita” e poñendo o foco en prioridades como o acceso á vivenda, na que a xuventude se ve “seriamente prexudicada por unha Lei Nacional de Vivenda errática e cutre”.
Aproveitou para solidarizarse cos rapaces e rapazas afectados polos erros da PAU deste ano, polo que reiterou a necesidade de responsabilidades e, sobre todo, solucións para aos mozos que “non deben pagar polos erros doutros”.
Fronte a oposición, Prado pon en valor o liderado de mozos como Santamaría, que “din basta e collen o temón, porque no PPdeG somos os únicos preparados para gobernar, para que a xente nova teña voz e futuro”.
LUIS LÓPEZ CHAMA Á MOCIDADE A “PASAR Á ACCIÓN”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra cualificou o congreso de modélico, posto que a organización “sae moito máis forte do que entra e totalmente revitalizada” ao tempo que puxo en valor o “compromiso e enorme traballo” de Ana Cristina Pérez Cabaleiro.
Así mesmo, chamou á mocidade a “pasar á acción” e agradeceulle que “se sacrifique por unhas ideas e loiten pola xente máis nova”, posto que considera fundamental que este sector da poboación “teña cada vez máis peso nun país acuciado polo reto demográfico”.
“Estamos a favor dunha mocidade que se rebela contra o pensamento único e que non se compra con bonos, unha mocidade que defende as grandes políticas da Xunta e de Alfonso Rueda en materia de vivenda, en materia de emprego e sobre todo en educación, con máis de 50.000 prazas de FP e a matrícula universitaria gratuíta”, manifestou Luis López, que anunciou que o programa das eleccións municipais de 2027 será “o que teña máis políticas xuvenís da historia”.
Ademais, López cualificou a Raúl Santamaría como “o mellor presidente posible” pola súa empatía, proximidade e gran coñecemento das necesidades da mocidade e garantiu que Novas Xeracións vai ter “un papel fundamental e protagonista”.
A ORGANIZACIÓN XUVENIL MÁIS IMPORTANTE DE GALICIA
O novo presidente das NNXX de Pontevedra, Raúl Santamaría, asume a presidencia da organización con ilusión para “abrir unha nova etapa chea de retos na que atendamos máis que nunca ás necesidades da mocidade e na que a xente nova contribúa decisivamente a unha rotunda vitoria nas municipais de 2027”, para manter “a Deputación, axudar a Feijóo a chegar a presidencia do Goberno de España e a apuntalar unha nova maioría absoluta de Alfonso Rueda”, afirmou.
Santamaría, que presentou ao seu novo equipo co estradense Iago Cribeiro de vicepresidente e Sonia Baqueiro de secretaria xeral, destacou que o novo grupo de dirección “chega con moitas ideas frescas” e lembrou que os mozos “xa somos presente e temos que manter esa visión para construír o futuro”.
Neste sentido, remarcou que o PPdeG “demostra todos os días” a súa aposta pola xuventude antes de lembrar que NNXX “é a organización xuvenil con máis membros e representatividade de Galicia”. Finalmente, tivo unha emotiva lembranza para o falecido Pablo Carollo, anterior presidente da organización e que foi o que o introduciu en NNXX, e para a saínte Ana Cristina Pérez Cabaleiro, da que destacou os seus oito anos de gran traballo.
O Congreso Provincial arrancou coa benvida do voceiro pontevedrés, Rafa Domínguez, e incluíu o informe de xestión do secretario xeral saínte, Avelino Souto, así como o discurso de despedida da anterior presidenta.