O PPdeG, a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia, vén de reclamar un plan integral de reparación de todas as infraestruturas deterioradas –paseos marítimos, varandas, escaleiras, pasarelas e miradoiros- de todo o litoral de Oleiros.
Tras poñer o foco na falta de conservación continuada, os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Nazareth Cendán e Jesús Fernández, recordaron que nas últimas datas se produciron varios derrubes e desprendementos en distintas zonas, ocasionando un deterioro grave de toda esta contorna. Entre os puntos máis afectados, están: o parque Trece Rosas, a baixada ao paseo de Santa Cruz, as escaleiras de acceso á praia de Canide, a varanda na zona de Punta de Boi de Canto, a pasarela de acceso ao castelo de Santa Cruz, a baixada á praia de Bastiagueiro e os derrubes na praia de Naval e na zona do Xunqueiro.
Esta situación, ademais de xerar un evidente impacto negativo na imaxe do municipio, constitúe un grave problema de seguridade, ao pór en risco a integridade física dos miles de peóns que transitan diariamente por estas zonas. Por iso, Jesús Fernández reclamou que se proceda á súa sinalización e, no caso de que fose necesario, ao peche ou restrición de acceso en todas aquelas zonas onde exista perigo para a integridade das persoas.
FALTA DE COORDINACIÓN ENTRE CONCELLO E ESTADO
Tal e como sinalaron, estas incidencias non só responden aos efectos da climatoloxía adversa e á acción do mar, senón que, tamén, a unha “evidente falta de mantemento preventivo e correctivo de concello e do Goberno estatal”. Así, lamentaron a “preocupante” falta de coordinación e unha “inacción prolongada” das administracións competentes: o concello de Oleiros e a Demarcación de Costas –dependente da Administración central-; debido a que as responsabilidades sobre mantemento e conservación non están debidamente definidas e asumidas, derivando, polo tanto, nunha “inaceptable” parálise administrativa.
Para Nazareth Cendán, cómpre establecer un protocolo claro de mantemento periódico, no que se especifique as competencias de cada administración implicada, as obrigas de conservación ordinaria e extraordinaria e os mecanismos de coordinación interadministrativa, así como tamén unha contía orzamentaria para facer fronte tanto á reparación inmediata como ao mantemento futuro. Asemade, considerou prioritario realizar unha avaliación técnica completa do estado do litoral urbanizado, co fin de previr novos derrubes e anticipar actuacións en zonas de risco.
Por todo iso, o PPdeG urxe actuar de maneira inmediata para garantir a seguridade, restaurar as infraestruturas danadas e establecer un marco claro de responsabilidades que evite a repetición deste tipo de situacións.