O portavoz do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Pazos, sinalou, hoxe, “o contraste total” entre o goberno que “funciona” de Alfonso Rueda e o de Pedro Sánchez, “en absoluta descomposición e cercado pola corrupción”. De aí que avogara, unha vez máis, pola convocatoria urxente de eleccións xerais, para sacar a España da parálise.
Tal e como salientou, Galicia ten un presidente que pode render contar, xa que conta co “aval incuestionable” de ter xa executado ou en marcha o 87% do programa electoral; que ten a palabra avalada por feitos, ao contar cun plan “real” para acadar os 10.000 fogares públicos en 2030 e poñer así solucións ao problema da vivenda; e que si lidera un proxecto con futuro.
Neste senso, o portavoz popular puxo en valor a forma de entender a política do PPdeG, baseada, no compromiso coa xente e co progreso da nosa Comunidade; e dixo que a romaría de mañá no Pino é unha mostra dilo. Un acto, engadiu, que non podería celebrar ningunha outra formación en Galicia, xa que o PSdeG está “moralmente inhabilitado”, por ser un partido refén ao ditado de Madrid e o BNG, que co seu silencio cómplice converteuse nun sostén parlamentario máis do Executivo de Pedro Sánchez: “A forma que ten o nacionalismo de defender os intereses de Galicia é calar ante a corrupción e mirar para outro lado”.
LEIRE DÍEZ E O EX FISCAL XERAL
Nesta liña, amosou a súa preocupación pola situación política actual, “marcada e manchada por un Goberno central que non dá nin unha xornada de tregua entre escándalo e escándalo”. Así referiuse ás novas informacións sobre Leire Díez e a vinculación co ex fiscal xeral do Estado, tras coñecerse García Ortiz tramitou unha denuncia contra a xuíz que instruía a causa do irmán do presidente, segundo aparece na axenda de Leire Díez. Tras recordar que tanto o secretario xeral do PSdeG como a alcaldesa de Santiago participaron, recentemente, nunha homenaxe ao ex fiscal xeral, instounos a que digan se lle seguen amosando o seu apoio e aplaudindo as actuacións.
COMPROMISO COA EXEMPLARIDADE
Para rematar, destacou a iniciativa do Grupo Popular, que se debaterá no pleno da próxima semana, relativa a “reafirmar o compromiso” coa exemplaridade, o respecto institucional e a defensa dos principios que sustenta o Estado de Dereito. E é que, tal e como remarcou, a sucesión de investigacións xudiciais e tramas de corrupción está a provocar unha crecente inquietude social e un evidente deterioro da credibilidade pública: “Os galegos demandan seriedade, responsabilidade e exemplaridade pública”.
Asemade, cuestionou as continuas acusacións do Goberno central dirixidas contra o poder xudicial e profesionais dos medios de comunicación, ao tempo que se referiuse ás “descualificacións inaceptables” do ministro de Transformación Dixital e Función Pública, nas que afirmaba que hai xuíces que prevarican.