Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez, acompañados da portavoz local, Dolores Hermelo, puxeron en valor a aposta do Executivo de Alfonso Rueda por Cangas de Morrazo, onde, tal e como salientaron, vén de impulsar a creación de solo residencial para a construción de 300 vivendas protexidas nas Saíñas.
Esta mesma semana, o Consello da Xunta aprobaba o inicio da tramitación para a redacción dun proxecto de interese autonómico (PIA), o que posibilitará o desenvolvemento de chan nesa zona. “Esta actuación dá resposta, así, a unha demanda estratéxica para o crecemento da comarca do Morrazo”, explicou García Comesaña, durante unha visita ao municipio.
Para a portavoz municipal e parlamentaria popular, este pulo institucional supón unha “solución real, necesaria e de futuro” que contrasta coa “pasividade doutras administracións” que, pola contra, poñen paos na roda ao desenvolvemento urbanístico no municipio.
OS PROXECTOS EN MARCHA NA ÁREA DE VIGO
Pola súa banda, Moisés Rodríguez destacou o intenso ritmo de execución no resto da área de Vigo. Así, o Goberno galego ten en marcha proxectos para a construción de 927 novas vivendas de promoción pública e está desenvolvendo solo para 1.600 vivendas protexidas no Polígono de Navia e para outras case 3.700, a través dos PIA do Ofimático e de Ramón Nieto; o que confirma, dixo, “o esforzo inversor nun dos grandes motores residenciais da Comunidade”.
Así mesmo, o deputado popular recordou outras actuacións recentes na contorna, como a promoción de vivendas en Mos. “O Goberno galego ten os deberes feitos e un plan de traballo claro para a área de Vigo”, incidiu. “Mentres outros –engadiu- só ofrecen anuncios baleiros ou bloqueo, a Xunta ofrece resultados”. Neste mesma liña, García Comesaña avogou por continuar polo camiño de axilizar trámites, mobilizar solo e garantir que a mocidade e as familias teñan acceso a unha vivenda.
UN COMPROMISO “REAL E AMBICIOSO” COA VIVENDA
Así mesmo, remarcaron o compromiso “real e ambicioso” do Goberno galego en materia de vivenda e cualificaron de “históricos” os orzamentos para este 2026. Cunha partida global que alcanza os 350M€, dos cales 163M€ están reservados especificamente para a construción de novos fogares, apuntaron que a Xunta reafirma o seu obxectivo de duplicar o parque público residencial antes de 2028.
Para rematar, os deputadas do Grupo Popular sinalaron que o programa Fogar Vivo e as novas medidas para facilitar o acceso á vivenda protexida, como as bonificacións fiscais e a revisión dos limiares de renda, demostran que Galicia conta cunha estratexia “valente, eficaz e centrada na xente”.