O PPdeG puxo en valor a calidade da rede pública de albergues da Xunta de Galicia, que conta, actualmente, con 76 instalacións e máis de 3.000 prazas distribuídas ao longo dos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago, consolidándose como un piar fundamental para a acollida dos peregrinos.
Así o destacaron os deputados autonómicos Víctor Baladrón e Juan Casares durante unha visita ao albergue público de peregrinos de Verín. No transcurso do encontro, os parlamentarios puideron comprobar o estado das instalacións e coñecer de primeira man dos usuarios a experiencia vivida e a boa atención recibida. Durante a visita, cualificaron a Verín como un «punto estratéxico e clave» do Camiño Mozárabe/Vía da Prata. Precisamente, incidiron na importancia do itinerario da Vía da Prata, por contribuír de xeito decisivo a diversificar os fluxos de visitantes, repartindo a chegada de peregrinos por diferentes rutas, ao tempo que dinamiza cultural e economicamente os concellos do interior galego.
O LIDERADO DE OURENSE
Os deputados populares achegaron datos que confirman o excelente momento que vive o Camiño de Santiago na provincia de Ourense. E é que, no que vai de ano, preto de 3.500 peregrinos percorreron o Camiño Mozárabe/Vía da Prata. Desta cifra, destaca, especialmente, o marcado peso do segmento internacional, xa que o 58% foron de orixe estranxeira. Así mesmo, o 45% do total de persoas que elixen este itinerario decídense por Ourense como o seu punto de partida.
Estes fluxos de peregrinos tiveron un impacto moi positivo no balance turístico da provincia. No primeiro cuadrimestre do ano, Ourense situouse como a provincia galega con mellores datos en termos de viaxeiros aloxados e de noites realizadas. En total, a provincia recibiu máis de 99.500 viaxeiros que fixeron un total de 192.971 noites, o que supón un incremento do 9% en visitantes e un notable crecemento do 19% nas pernoitas respecto ao mesmo período do ano anterior.
Dende o PPdeG salientan que estas cifras demostran a fortaleza do modelo turístico galego e o Camiño de Santiago como un motor económico sostible, internacional e distribuído por todo o territorio a través dunha rede de albergues pública moderna e accesible.