A portavoz de Cultura do Grupo Parlamentario Popular, Carmen Pomar, destacou a plena disposición do GPP para dialogar e celebrar cantas reunións sexan necesarias co obxectivo de acadar o maior consenso posible arredor da actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Tras a primeira xuntanza de traballo cos grupos parlamentarios, confirmou unha segunda reunión para o vindeiro 28 de xullo e insistiu en que o documento permanece aberto á incorporación de matizacións, suxestións e achegas de todas as formacións.
Neste sentido, Pomar agradeceu a disposición e a actitude proactiva de Democracia Ourensana e do PSdeG para participar neste proceso de diálogo e lamentou a ausencia do BNG. A portavoz popular cualificou de «unha mágoa» que os nacionalistas optasen por solicitar unha reunión bilateral co presidente da Xunta en lugar de participar no debate parlamentario dun documento elaborado desde a sociedade galega tras meses de traballo das comisións de persoas expertas, ao tempo que expresou o desexo de que se incorporen ás próximas xuntanzas para facer posible un acordo o máis amplo posible.